Os concellos pontevedreses, abocados a subir as taxas, ao copar o 60 % da débeda de Sogama

Seis de cada dez euros da débeda que soporta Sogama, a sociedade que xestiona os residuos urbanos en Galicia, corresponden a concellos da provincia de Pontevedra. A petición do Partido Popular cursada aos seus alcaldes o pasado martes para que apliquen unha subida xeneralizada ao recibo do lixo camiña en dúas direccións: dar maior liquidez aos concellos, grazas a unha maior recadación, e evitar que esta débeda siga crecendo no futuro grazas a que se alcanzaría un equilibrio entre o que pagan os veciños e os custos reais.

Casos como o do Concello de Barro son paradigmáticos. O municipio viraba aos seus veciños ata o ano pasado un recibo anual de seis euros. ¿Que supuña unha taxa tan baixa? As 970 vivendas do municipio reportaban ás arcas municipais apenas seis mil euros ao ano, mentres que o tratamento do lixo xerado supuña unha factura quince veces superior. E iso repercutindo só o custo do tratamento do lixo unha vez na planta de Sogama. Procesar cada tonelada custa a Sogama 46,1 euros, ao que hai que sumar o custo da recollida nos municipios e o transporte ata Cerceda, entre dez e quince euros máis. ¿Como pode un municipio como Barro facer entón fronte a iso cunha recadación de apenas seis mil euros anuais? Non pode. Por iso acaba de subir a taxa ata sesenta euros ao ano. E segue sendo deficitaria.

Vilaboa, un municipio de 6.024 habitantes, acaba de incrementar a súa taxa de 34 a 84 euros. A razón, un buraco polo déficit entre custos e ingresos que crecía a un ritmo anual de 250.000 euros. Pero non todos os concellos acolleron ben o plan de homogeneización do custo do recibo que propón o Partido Popular a nivel provincial. En Ponte Caldelas aplícanse 65 euros por vivenda e ano. E así quedará, advirte o seu rexedor, Perfecto Rodríguez. Bueu mantén un recibo similar, de 67 euros. A pesar de que estas taxas son moito máis avultadas que a de Moraña, que cobra 36 euros, segue lonxe de cubrir o custo real do tratamento dunha vivenda media, estimado en 120 euros.

Diluír o impacto fracturando

Concellos como o de Marín se achegan, con 88 euros ao ano. O goberno local preferiu fracturar en catro recibos de 22 euros, un cada tres meses, o cobro para diluír o impacto entre os seus veciños.

Aínda que os alcaldes son remisos a aplicar subidas de taxas ante a súa impopularidade, a situación actual faise insostible. Rafael Louzán, o presidente provincial do Partido Popular, trata de forzalo consciente de que será mellor canto máis lonxe se faga do 2015, ano electoral municipal. Pero a situación aprema. Porque algúns concellos viven xa absolutamente asistidos.

A Deputación de Pontevedra, tamén presidida por Louzán, mantén unha operación de crédito de 30 millóns co Banco Santander co único obxecto de facilitar os anticipos durante o 2012 aos 55 concellos da provincia que teñen delegada a súa recadación na institución provincial. Unha homogeneización das taxas do lixo á alza suporía un balón de osíxeno vital en tempos de crises e consignas constantes desde o Goberno central nunha única dirección: conter o déficit da Administración pública custe o que custe.

 

Deixar un comentario