O presidente do PP de Pontevedra e da Deputación, Rafael Louzán, anunciou
hoxe unha proposta para unificar as taxas de recollida de lixos dos municipios de menos de 25.000 habitantes que realizan a recollida directamente ou teñen a
concesión a piques de caducar.
Louzán xustificou esta equiparación nas diferenzas entre municipios limítrofes, con diferenzas moi acusadas, ”nalgúns casos do 100%”, dixo.
Non explicou como se realizará esta equiparación, pero recoñeceu que ”ningún concello pensa en baixar as taxas” e puxo como exemplo a Barro, onde subiu de seis a 60 euros, segundo os seus datos.
O presidente provincial ha sinalado que a Deputación, a través do Organismo Autónomo de Xestión de Recursos Locais (Oral), leva meses estudando a cuestión.
Aínda que deixou claro que a autonomía é dos propios municipios, sinalou que no ”medio prazo” os 47 concellos do PP na provincia chegarán a un acordo.
Sinalou tamén que o servizo é xeralmente deficitario e que ”non cobre o 50% do custo”, e dixo que unha xestión mancomunada -que non aclarou se será pública ou privada- permitiría aforrar o 50% dos vehículos e o persoal.
Engadiu, no entanto, que os traballadores serían destinados a outras funcións.
Entre os exemplos de concellos similares con taxas diversas citou os casos de Arbo e Crecente (15 e 30 euros, respectivamente); Tomiño e A Guarda (15 e 62) ou Poio e Vilaboa (108 e 34).
Louzán eloxiou tamén a subida do IBI aprobada polo Goberno central e asegurou que non se pretende ”crear máis carga tributaria” senón buscar a ”equidade”.