A poboación censada na cidade que reside no estranxeiro creceu un 13,6% en dous anos

Un total de 31.356 persoas censadas nalgún do catorce municipios da comarca reside en realidade no estranxeiro, segundo os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística, que acaba de facer pública unha comparación destas cifras entre 2009 e 2011. A cifra total que se obtén en Pontevedra, Marín, Sanxenxo, Poio, Vilaboa, Caldas, Ponte Caldelas, Barro, Cuntis, Moraña, Portas, Cotobade, A Lama e Campo Lameiro, mostra que nestes dous anos ese censo de españois residentes máis aló das fronteiras nacionais creceu en máis de 3.200 persoas, un 11,4%.
Esta evolución, que se podería vincular á crise e ao fenómeno da emigración, resulta especialmente rechamante na cidade de Pontevedra, onde o aumento foi do 13,6%, ao crecer ese censo en 1.500 persoas, para pasar dos 11.034 de hai dous anos aos 12.543 actuais. Este considerable incremento contrasta cos datos de municipios próximos, como Caldas (7,9%), Poio (7,1%) ou Sanxenxo (6,3%). No entanto, son moitos os concellos onde se produciu unha saída destacada de habitantes, como Marín (9,8%) A Lama (13,8%) e Vilaboa (10,3%) aínda que os casos máis rechamantes prodúcense en municipios tradicionalmente vinculados á emigración e que desde hai anos presentan un crecemento demográfico negativo. Son os casos de Cotobade e Ponte Caldelas. No primeiro, contabilízanse 1.511 censados residentes no estranxeiro, un 21% máis dos 1.249 de hai dous anos, mentres que en Ponte Caldelas rózase ese mesma porcentaxe con 3.307 persoas fóra das fronteiras españolas, case catrocentos máis que en 2009.
En Barro o aumento foi do 2,1%, igual que en Campo Lameiro, e do 4,5 en Cuntis, mentres que en Moraña chegouse ao 7,3% e en Portas supérase lixeiramente o 8%.

Deixar un comentario