Barro-Meis lidera a oferta de chan industrial na comarca, cun 65% das súas parcelas en venda

A solución urbanística pactada entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Barro para liquidar a contundente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula o plan urbanístico de parte do polígono de Barro-Meis ten o obxectivo non só de dar plena legalidade ao parque máis grande da comarca, senón tamén conseguir o seu despegamento definitivo, ata agora lastrado pola crise e a súa inseguridade xurídica. O Concello de Barro, co visto e prace oficial, da Xunta, acaba de aprobar un novo plan urbanístico para o sector Outeda-Curro que corrixe as deficiencias denunciadas na sentenza do TSXG.
Con todo, esta solución, que podería relanzar o desenvolvemento do recinto, chega no peor momento, ás portas dunha nova recesión económica no país. De feito, a oferta de chan industrial na comarca (cunha decena de polígonos operativos) é actualmente moito máis elevada que a demanda, moi mermada pola crise.
Esta oferta está encabezada por Barro-Meis. Cunha capacidade total de dous millóns de metros cadrados, na actualidade están urbanizadas 76 parcelas, das que 26 xa están vendidas a empresas de sectores como o hortifrutícola, de gasóleo, granito e de subministración de materiais de bricolaxe. Suman uns 85.000 metros cadrados, pero na actualidade apenas son cinco as empresas instaladas ou en execución. O 65% das súas parcelas (ao redor de medio centenar) aínda están en venda, ao prezo de 147,50 euros o metro cadrado, unha pretensión que a Deputación, promotora do recinto, basea nas boas conexións viarias, tanto co Salnés a través da autovía, como coa AP-9. Dous das súas bolsas de chan, de 440.000 e 236.000 metros cadrados, sitúanse en Meis, mentres que Barro, onde se concentran os problemas xudiciais, achega outras dúas bolsas, de 700.000 e 505.000 metros.
Ademais, están en marcha a execución das principais infraestruturas necesarias para resolver as deficiencias que levaron á anulación xudicial do plan urbanístico. Xa se licitou, por 840.000 euros, a canalización da linea eléctrica ata a subestación do polígono, a execución, por 1,2 millóns máis, a estación depuradora de augas residuais, e a conexión de auga. A Deputación xa suma máis de 20 millóns de euros investidos nuns terreos practicamente baleiros.
Algo parecido ocorre co polígono de Nantes, en Sanxenxo, apenas ocupado anos despois da súa ocupación e aínda pendente de recepción municipal. Aínda que dispón dunha ligazón directa coa autovía do Salnés e a Xunta proxecta outra conexión desde Vilalonga, o seu desenvolvemento é moi escaso.
Curiosamente, outros parques da comarca que dispoñen de accesos moito máis deficientes, conectados mediante estradas comarcais e de capacidade media, presentan uns datos moito máis prometedores. Á marxe do pontevedrés recinto do Campiño, vendido na súa totalidade desde hai anos, o polígono privado do Vao, en Campañó, tamén traballa con éxito e de feito trabállase na súa ampliación para crear un parque comercial alén da estrada de Vilagarcía.
Espazos empresariais en Caldas, Moraña, Cuntis e Campo Lameiro tamén rexistran unha ocupación aceptable, especialmente este último, que rolda o 80%.
Pola súa banda, o parque empresarial da Reigosa, en Ponte Caldelas, ten 24 das súas 47 parcelas vendidas, aínda que no seu maior parte aínda non se instalaron as empresas compradoras. Aínda así, xa se traballa nunha ampliación de 100.000 metros cadrados máis para albergar a unha única empresa. Outra imaxe, moito máis negativa mesmo, presenta a Central de Transportes de Ponte Caldelas, lindeiro co Campiño e A Reigosa. O seu medio centenar de parcelas, urbanizadas en 2005 para albergar a empresas do sector, permanecen aínda en venda seis anos despois de finalizar a obra e tras un ano en oferta. A crise cebouse de forma especial con este recinto.

Deixar un comentario