Xunta e Concello “legalizan” o polígono de Barro nove meses despois de ser anulado polo TSXG

Nove meses despois da demoledora sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba por completo a tramitación urbanística do polígono industrial de Barro-Meis, o Concello de Barro e a Xunta cren atopar a solución para resolver a inseguridade xurídica que pesa desde entón sobre unha vintena de proxectos empresariais nese recinto. No tempo marca de pouco máis dun mes, a corporación que preside o popular José Antonio Landín Eirín remitiu, (o 11 de novembro) á Xunta unha proposta de modificación do plan urbanístico de parte deses terreos, que foi inmediatamente informado favorablemente pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio (o 24 dese mesmo mes), e aprobado definitivamente pola corporación municipal o pasado 15 de decembro. O trámite refírese ao sector Outeda-Curro, que foi onde se centrou o preito xudicial.
PP e PSOE votaron a favor e o BNG abstívose nun documento cuxa forma xurídica nunha adenda ao Plan Sectorial anulado polo TSXG e que aclara que as deficiencias nas que se baseou aquela anulación xa están emendadas. A sentenza, coñecida en abril pasado, argumentaba a súa decisión sobre a base de dúas carencias que, na súa opinión, coa lei na man fan inviable un polígono industrial como o que promove a Deputación de Pontevedra, a través do Ipespo, dacabalo dos municipios de Barro e Meis: “a falta dunha rede de saneamento no ámbito do polígono” e “un sistema de abastecemento de auga ao conxunto do termo municipal (incluído o polígono) insuficiente”. No documento recentemente aprobado aclárase que xa existen proxectos de abastecemento e depuración en marcha, así como para a subministración eléctrica.
O alcalde de Barro, José Antonio Landín Eirín, asegurou onte que non esta modificación “a sentenza estaría solucionada”, aínda que se mostra cauto respecto diso xa que algún posible recurso ou alegación podería dar ao traste co proceso. Landín asegura que esta vía xurídica dispón do visto e prace oficial da Xunta. De feito, o seu informe, elaborado en apenas unha semana, sinala que “se puido comprobar que a adenda dá cumprimento aos condicionamentos formulados no informe emitido en xullo de 2006 (cando se aprobou inicialmente o plan que despois anulou o TSXG) polo que se informa favorablemente. Aqueles condicionamentos era, por certo, os mesmos que esgrimiu o alto tribunal na súa sentenza, promovida polo recurso de 96 veciños, cos que se tratou de negociar nestes meses para evitar novas complicacións. A Xunta ve agora resoltas esas deficiencias e dá luz verde á “legalización” do polígono, o que aclararía, en teoría, o futuro de todas as iniciativas privadas en Barro-Meis. De feito, desde que se coñeceu a sentenza, varias empresas xa anularan as reservas de chan realizadas na zona. Aínda que a promoción do parque corresponde á Deputación, a tramitación urbanística corresponde en exclusiva ao Concello de Barro. O seu alcalde deixou onte claro que “agora estou moi tranquilo” e asegura que “farei todo o posible para que salga adiante porque é o mellor polígono da provincia e dos mellores situados de toda Galicia”

Deixar un comentario