«Acábannos de afundir. Xa estabamos coas contas non límite e agora isto…» Desesperado, o presidente do Barro CF,
Vicente Cons Fernández, encara o Nadal con moi malos agoiros sobre o futuro do seu club.
E non polos resultados, nin moito menos, senón pola acción dos amigos do alleo que desvalixaron por completo o
campo de fútbol de San Breixo. Foron os xogadores os que descubriron o roubo o xoves pola noite ao ir adestrar.
Os ladróns non só contentáronse con arramplar con todo o que se puxo por diante -balóns, bombines, equipamentos deportivos…-, senón que causaron importantes danos. Intentaron arrincar un quentador de auga, o que provocou unha inundación nas instalacións, así como trataron de facerse coas tubaxes.
Para acceder aos vestiarios, os delincuentes serraron cadeados, rebentaron portas e, ata, chegaron a picar un buraco na parede para chegar ata o perno dunha das portas. Deste xeito, conseguiron chegar ao almacén onde se achan as neveiras, unha delas foi completamente esnaquizada.
Conseguiron facerse cuns 600 euros en efectivo e con outros 400 en que se calcula están valoradas as bebidas que se gardaban.
Para rematar a faena, e nun xesto que Vicente Cons cualifica de «recochineo» cara aos integrantes do Barro CF, utilizaron os aerosois do equipo para deixar dúas pintadas de mal gusto: «Grazas, pallasos» e «Non nos gustou o servizo».
Tras o asalto, o club pontevedrés queda agora nunha situación económica complicada, polo que o seu presidente fixo un chamamento á colaboración dos veciños.