O sábado, durante case dúas horas, e con respaldo dunhas duascentas
cincuenta persoas, o orfeón parroquial Nosa Señora de Hoxe-Vas sacou adiante con brillantez o seu encontro de corais que ademais da propia anfitrioa reuniu ás de Cumeiro, Berres e Barro. Cada unha delas ofreceu ao público cinco cancións e, entre estas, con carácter obrigatorio interpretaban unha panxoliña. O acto estivo apoiado polo alcalde cruceño, Jesús Otero, e por personalidades locais do relevo de Francisco Lareo. Este encontro anual de corais de Piloño celebrouse no marco do colexio Cerdeiriñas desa parroquia e está apoiado pola Deputación provincial de Pontevedra e polo propio Concello cruceño. Este encontro de corais cruceño está a converterse ano a ano nun clásico destas datas e a súa consolidación parece xa firme.
