Por primeira vez na súa historia, o catorce municipios que conforman a comarca de Pontevedra superan, no seu conxunto, os 190.000 habitantes, segundo o último censo oficial que acaba de actualizar o Instituto Nacional de Estatística (INE). Estas cifras, referidas ao 1 de xaneiro deste ano pero que serán oficiais durante todo 2012, establecen unha poboación total de 190.400 veciños en Pontevedra (que aglutina o 43,2% desa cifra global), Marín, Sanxenxo, Poio, Caldas, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cuntis, Moraña, Campo Lameiro, Portas, Barro, Cotobade e A Lama.
Con todo, a pesar de manterse un aumento de case 500 veciños con respecto ao exercicio anterior, este crecemento demográfico é o máis suave dos últimos anos, especialmente desde que comezou a agudizarse a crise, en 2007. A subida poboacional do 0,2% entre 2010 e 2011 é a metade do 0,4% do período anterior (cando se rexistraron 814 novos veciños) e moi lonxe das máis mil novas altas de anos previos: 1.162 en 2008 e 1.271 en 2009. Curiosamente, este freo demográfico prodúcese nun momento no que boa parte dos municipios da comarca experimentaron unha mellora, máis ou menos destacada, nos seus censos, mesmo concellos tradicionalmente “perdedores” de poboación como Cotobade e A Lama.
Os oito municipios que incrementaron o seu número de veciños son Pontevedra, Poio, Barro, Sanxenxo, Vilaboa, A Lama, Caldas e Cotobade. En conxunto, 786 novas persoas censáronse nestes territorios. No outro lado da moeda situáronse Marín, Cuntis, Moraña, Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Portas, que baixaron en 288 veciños. A diferenza dá as 498 novas altas en toda a comarca.
En termos absolutos, a capital é a que máis contribúe ao aumento poboacional (419), pero é o municipio de Poio o que presenta un mellor comportamento, xa que o seu aumento é do 1,1%, o máis alto de todo a contorna, ao pasar de 16.309 a 16.501 habitantes, 192 máis que no anterior censo do INE.
Nos casos da Lama e Cotobade, aínda que o crecemento é moi lixeiro (10 habitantes máis nun caso e cinco no outro), non deixa de ser significativo este salto positivo se se ten en conta que acumulaban perdas constantes de poboación durante os anos anteriores.
Municipios cunha historia de crecemento desde 2007 mantéñena neste exercicio, como é o caso de Barro, Caldas, Sanxenxo e Vilaboa, mentres que no caso contrario chama especialmente a atención a evolución en Marín. Por primeira vez no últimos cinco anos este municipio rexistra un descenso do seu censo e perde unha nada desdeñable cifra de 133 veciños, un 0,5% de caída, para quedar, segundo o INE en 25.864 habitantes.
Pola súa banda, a maior parte dos concellos da comarca do Umia, así como os de Campo Lameiro e Ponte Caldelas non logran pór freo á súa “sangría” demográfica, que é constante desde hai anos. No caso de Ponte Caldelas, os case 6.500 habitantes de 2007 reducíronse a pouco máis de 6.300 na actualidade, cun descenso acumulado do 2,5% desde entón. Portas e Campo Lameiro experimentan un fenómeno similar. Este último municipio, a de menos poboación de toda a comarca, está en risco de situarse en pouco tempo por baixo dos dous mil habitantes, co que a súa corporación perdería dúas dos seus 11 concelleiros actuais. De 1.001 a 2.000 veciños establécense 9 edís; once entre 2.001 a 5.000; de 5.001 a 10.000 corresponden 13 concelleiros e nese límite sitúase Caldas; de 10.001 a 20.000 son 17 edís, 21 entre 20.001 e 50.000 e ata 100.000, unha corporación de 25 membros como a de Pontevedra.
