Barro entre os concellos que a Xunta menos investiu na limpeza e conservación dos seus ríos

A Consellería de Medio Ambiente fixo onte balance das actuacións de limpeza e conservación dos cursos fluviais da comunidade. Na provincia, Augas de Galicia destinou 680.000 euros a este tipo de accións no período 2010-2011, que abarcaron case 68 quilómetros de 54 ríos. No que respecta á comarca de Pontevedra o investimento foi de 259.739 euros en 17 quilómetros de canles de dez municipios. Ademais da capital, desenvolvéronse na Lama, Barro, Caldas, Cuntis, Moraña, Marín, Poio e Portas.

O obxectivo destes traballos é potenciar os aspectos ambientais e estéticos da contorna fluvial mediante labores de limpeza, conservación e mantemento de zonas de servidume dos ríos. Os labores comprenderon a limpeza de cascallos e residuos sólidos, a eliminación de obstáculos nos leitos provocados pola caída de árbores, a reparación de muros de formigón e azudes danados por crecidas e a reparación de pasos a nivel dos ríos, entre outras accións.

Tres actuacións acapararon os fondos na comarca. Trátase da contorna do encoro do Umia, nos municipios de Caldas, Cuntis e Moraña, cun investimento de 119.600 euros en algo máis de dez quilómetros; o río Loira, en Marín, con 35.272 euros en 4,5 quilómetros; e o Follente, en Caldas, con 25.155 euros en 2,4 quilómetros.

Os ríos Oitavén e Rego de Porto, na Lama, suman 8.953 e 4.450 euros, respectivamente. Tamén se realizaron intervencións no río Areal, en Barro; no Chaín, o Bermaña e o Cardín, en Caldas; o Galo, en Cuntis; o Rego de Arís, o río Vilariño e o río de Covelo, en Poio; Ponche Nova e Fontáns, en Pontevedra; e o Rego Chas e o Umia, en Portas.

Outra dos labores realizados por Augas de Galicia foi a inspección, alerta e previsión de crecidas nos ríos. O departamento que dirixe Agustín Hernández anunciou que prevé destinar unha cantidade similar – 609.704 euros- á limpeza das concas da zona sur no período 2012-2013.

Deixar un comentario