O parón da obra pública proseguirá no 2012, cando deben estar listos 7 tramos de autovías

O forte impacto da crise sobre o investimento produtivo proseguirá no 2012, cunha previsión de que continúe o parón na licitación de obra nova. Neste escenario, no que serán as adxudicatarias de proxectos en concesión as que sustenten o groso do gasto en infraestruturas, a Xunta deberá pór en servizo polo menos sete tramos doutras tantas autovías.

A primeira actuación en abrir ao tráfico será a terceira rolda coruñesa, no trazado pendente que compete á Xunta. Infraestruturas prevé que a obra estea lista na última semana deste mes. Completan o calendario, como actuacións máis relevantes para o 2012, o primeiro tramo da vía Ártabra, as variantes de Ortigueira e de Noia, o primeiro tramo da autovía Tui-A Guarda, o primeiro da Sarria-Monforte, e o nó de Curro .

Ademais, a Xunta espera que a concesionaria do viario Ourense-Celanova teña lista a obra o próximo ano. Segundo as contas do 2012, a empresa investirá 32 millóns na autovía; e a adxudicataria da Carballo-Berdoias, 149 millóns. A do Morrazo queda a expensas de licitación tras a decisión da Xunta de deixar deserto o concurso.

Deixar un comentario