Barro e Moraña contan cos dous últimos casos de leiras embargadas. No
primeiro municipio trátase dunha casa de pedra de 210 metros cadrados situada en Porráns e que se poxará o mesmo día da Lotería de Nadal, o 22 de decembro por 20.000 euros, xa que está taxada en 130.000 pero ten 110.000 de cargas. En Moraña poderase poxar, o mesmo día por unha casa con terreo en Covelo. O alleamento fíxase en 12.350 euros, xa que os seus 166.000 euros de prezo real están cargados con 154.600 euros.
A Seguridade Social está facultada pola lei para embargar bens e vendelos en pública poxa para, cos ingresos obtidos, cobrar a débeda pendente. Estas poxas afectan a todo tipo de bens, desde leiras rústicas e urbanas, a vehículos, embarcacións, maquinaria, mobiliario, material ofimático e toda clase bens mobles ou inmobles, segundo detalla o propio organismo, que aclara que a estas poxas pódese presentar calquera persoa salvo os directamente implicados no embargo, así como o persoal da Seguridade Social.