A comunidade galega liderou en novembro a destrución de emprego en
España. De cada dez parados españois que se apuntaron nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) durante o pasado mes, dous eran galegos. A cifra de desempregados en Galicia subiu en 11.274 persoas, fronte ás 59.536 que se rexistraron en todo o estado, segundo os datos publicados onte polo Ministerio de Traballo e Inmigración. Os máis de 11.000 novos parados na comunidade (376 cada día) supoñen o maior ascenso en termos absolutos de todo o país, por diante dos incrementos rexistrados en Baleares (10.396) e Andalucía (8.315).
Destrución de postos de traballo na comarca:
Novembro foi outro mes negro en canto á destrución de postos de traballo na
comarca. O paro dispárase no catorce municipios que integran a área de influencia de Pontevedra e alcanzou as 19.058 persoas. Unha cifra que na capital pasa a barreira psicolóxica dos oito mil parados e sitúase nun total de 8.104 persoas en busca dunha ocupación.
Ao longo do mes pasado non houbo un só concello da comarca que non perdese postos de traballo. En total foron 915 os que desapareceron.
Barro suma 385 desempregados:
Unha situación que xera unha importante preocupación entre os distintos axentes sociais que ven como, ademais, a
destrución de emprego esténdese a todas as ramas da actividade. Ramón Vidal, secretario comarcal de UXT, destaca que o número de desempregados supera barreiras “que non nos imaxinabamos hai anos”. “Todos esperabamos unha retardación da actividade en sectores como a construción e pensamos que este sector xa tocara fondo, pero o que nos atopamos é que non é así, segue perdendo empregos e arrastra a outras ramas como a industria”, explica Vidal. Para o responsable de UXT a perda de empregos na industria leva outro problema engadido xa que “se trata de destrución duns empregos de maior calidade a cambio da creación de postos de traballo de baixa calidade e temporais”. O terceiro punto que preocupa no sindicato UXT é o incremento do número de parados de longa duración: “Cada vez son máis os fogares nos que non entra ningún soldo”. Cabe destacar que catro de cada dez parados pontevedreses xa non cobraban ningún tipo de prestación a principios de outubro pasado.
Rafael Igrexas, da CIG, explica que esta nova escalada do paro non lles colle por sorpresa xa que o sindicato nacionalista esperaba un aumento do desemprego durante os meses de inverno debido a que se trata duns meses nos que, mesmo nas épocas bonantes para a economía, adoitábase destruír emprego en sectores como a construción, que retardaban a súa actividade. A isto hai que sumar o efecto negativo sobre moitas Pemes que desenvolven a súa actividade en ramas complementarias (fontanería, electricidade, carpintería, entre outras) que ven como descende o volume de traballo por estas datas.
