Dúas décadas despois de promoverse por primeira vez unha mellora da estrada
entre Pontevedra e Vilagarcía (PO-531), os veciños do tramo comprendido entre a capital e Curro poderán coñecer hoxe o trazado definitivo elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas. Os afectados están convocados pola plataforma veciñal a unha asemblea, que se celebrará ás 21.30 horas na Casa de Cultura de Curro. Nesta reunión fixaranse ademais outras dúas convocatorias, para expor o proxecto nos centros sociais da Devesa e Campañó, en próximos días.
Á espera de coñecer o posicionamento da asemblea, en principio a plataforma de afectados acepta as últimas modificacións realizadas polo departamento que dirixe Agustín Hernández, e acepta o proxecto cuxo prazo de execución foi fixado polo conselleiro en 2013.
Finalmente a ampliación só afectará directamente a dúas vivendas en Curro e outra na Devesa, ademais dunha pequena construción en Campañó, cuxos propietarios xa manifestaron a súa conformidade coa expropiación. Queda só por coñecer como se modificará o nó pequeno de Curro, cuxo deseño xa sufriu diversas modificacións e aínda non se definiu o seu trazado final.
Como principais características, o viario reformado terá dez rotondas, sete delas de nova construción, oito pasos de peóns, 11 paradas de autobuses en cada sentido e unha pasarela peonil elevada, entre a Avícola e o viaduto da AP-9. Nos seus distintos tramos terá dous, tres, ou catro carrís, dependendo da tipoloxía urbana do lugar.
Trazado
O viario parte desde a estación de bombeiros con catro carrís, incluíndo os de
incorporación desde a autoestrada e crea unha nova glorieta despois da actual do Vao. Desde esta rotonda continúa con dous carrís de circulación, un en cada sentido (ademais dos accesos laterais) ata a glorieta do acceso de Poio. Desde aquí continúa en primeiro lugar con catro carrís (excepto un pequeno tramo de dous) ata a rotonda de Alba e a PO-225. Desde aquí a estrada segue con dous carrís en sentido Vilagarcía e un cara a Pontevedra ata o acceso ao polígono industrial de Baión. Neste tramo constrúense dúas novas glorietas ata chegar ao nó de Curro.
Como outras características, no tramo urbano de Campañó, ao coincidir cunha zona urbana mantense un único carril en cada dirección, con amplas beirarrúas ata a rotonda da vía rápida a Poio. Entre a rotonda da vía rápida e a de Alba regresan o catro carrís, pero esta glorieta amplíase xa que será a conexión coa N-550 cara a Caldas.
No tramo da Devesa mantéñense o tres carrís no proxecto. No entanto, a avenida será humanizada debido ao núcleo de poboación cunha medianeira dun metro de ancho ao estilo da Avenida de Uruguai de Pontevedra.
O proxecto mantén un carril en cada sentido no traxecto polos núcleos de poboación de Curro e todo o viario estará humanizado e cun carril en cada sentido ao seu paso polas poboacións, salvo na Devesa que terá tres pero nun trazado moi urbano. Habilítanse tres pasos agrícolas en Curro, Campañó e A Devesa. Todo o trazado terá unha mediana para afianzar a seguridade viaria.