O PP APROBA UN ORZAMENTO PARA 2012 QUE AGRAVARÁ A MALA SITUACIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO DE BARRO

O PP ven de aprobar o orzamento municipal para o 2012 por un importe que ascende aos 1.771.360 euros. Trátase, unha vez máis, dun orzamento ficticio, con partidas de ingresos infladas artificialmente, que único que fará será incrementar o déficit municipal, como ven sucedendo ano tras ano.

Compre lembrar que a política levada a cabo polo PP nos últimos 12 anos incrementou alarmantemente a débeda do Concello. Tanto é así, que o propio PP veuse na obriga en 2010 de aprobar un plan de saneamento para as contas municipais.

O balance deste plan de saneamento non podería ser máis demoledor: o déficit pasou de algo máis dun millón de euros en 2009 aos case millón trescentos cincuenta mil euros ao remate do exercicio de 2010.

O orzamento para 0 2012, que ven de aprobarse co voto en contra do BNG, reincide nos mesmos erros que os anteriores, cunha previsión de ingresos que a todas luces non se vai cumprir. As cantidades consignadas no capítulo de ingresos son tan falsas que o mesmo alcalde tivo que recoñecer que non sabía que transferencias se ían recibir nin do Estado nin da Xunta de Galiza. Polo tanto as cantidades reflectidas nos orzamentos son esas como poderían ser outras calquera, non teñen ningunha base obxectiva.

Para o BNG esta forma de actuar do PP, que se repite ano tras ano con nefastos resultados para o concello, é unha temeridade.

O orzamento para o 2012 tampouco recolle (e tamén é algo que se repite ano tras ano), as facturas pendentes de pago por parte do Concello. Facturas non recoñecidas por falta de consignación orzamentaria (as coñecidas como “facturas nos caixóns”), e que ascenden a centos de miles de euros.

A pésima situación económica do Concello de Barro non se pode achacar só á crise actual. Compre lembrar que o déficit en Barro xa ven de 1997, con 23.212 euros, unha cantidade que en 2004 pasou a 147.000 mil, e que en 2007, en pleno “boom” económico, era xa de 668.000 euros. Unha demostración de que o PP en vez de aproveitar os tempos de “vacas gordas” para sanear o Concello, o que fixo foi endebedalo aínda máis.

Chegados a esta situación o único que se lle ocurre ao sr. alcalde é cargarlle aos veciños e empresas de Barro as consecuencias da súa mala xestión, cunha suba desproporcionada de taxas e impostos para o ano 2012. Temos, por exemplo, que o imposto de circulación (IVTM) sube un 30%, e a taxa por recollida do lixo nada máis nin nada menos que un 900%. Por certo, a suba desta taxa non está sustentada en ningún estudo económico.

Resulta paradóxico, e un exemplo nídio da xestión económica do PP, que mentres se fai recaer a suba de taxas e impostos nos veciños e nas empresas de Barro, non se lle cobra á empresa organizadora do mercadillo dos domingos os 48.000 euros que a día de hoxe adebeda ao Concello.

Aos líderes do PP éncheselles a boca decindo que non é tempo de subir impostos á xente, que hai que baixar o déficit e que non debe haber facturas nos caixóns. Curiosamente alí onde goberna, e o Concello de Barro é un bo exemplo disto, fai xustamente todo o contrario.

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

Deixar un comentario