Unha moza de Caldas de 18 anos morre e as súas dúas amigas sofren feridas nun accidente en Valga

Giovanna Frieiro Maquieira, nacida en Outeiro, parroquia de Carracedo (Caldas de Reis) hai 18 anos, faleceu onte de madrugada como consecuencia dun aparatoso accidente de tráfico rexistrado no municipio pontevedrés de Valga, onde as súas dúas amigas e compañeiras de viaxe, da mesma idade, resultaron feridas de diversa consideración.
A falecida estaba no asento traseiro do turismo, un Mercedes Clase A 150 de matrícula 1898-GCZ que se saíu da calzada e chocou contra un farol.
Ocorreu cando estaba a ser conducido por Norma V.B., natural de Romai (Portas), que quedou atrapada entre os ferros e tivo que ser excarcerada. Resultou ferida de gravidade e foi trasladada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, onde permaneceu no servizo de Urxencias durante horas, aínda que ao longo da tarde o seu pai indicou que a súa vida non corría perigo.
No asento do copiloto atopábase Rocío V.P., veciña de Vilar (Barro), que sufriu feridas leves e que, segundo os equipos de emerxencias, saíu do turismo polo seu propio pé. En calquera caso foi trasladada ao centro hospitalario compostelán, afectada de contusións e diversos traumatismos. Pola tarde recibiu a alta médica, tal e como confirmou o seu pai a FARO.
O tráxico suceso produciuse ao fío do catro da madrugada no quilómetro 91 da estrada Nacional 550, cando as mozas regresaban a casa tras asistir a unha noite de festa na discoteca Chanteclair, situada nos límites entre Valga e Pontecesures.
Cando apenas transcorreran uns minutos de viaxe, e xa moi preto do domicilio da vítima –en Carracedo (Caldas)–, á que ían deixar en casa para seguir viaxe cara a Portas e Barro, o coche no que viaxaban saíuse da calzada, crese que debido ao mal estado do viario –pola choiva– e, supostamente, a unha velocidade inadecuada.
Ao lugar do suceso desprazáronse inmediatamente efectivos da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil de Valga e dos servizos médicos, que certificaron a morte da moza de Caldas e atenderon ás feridas antes de evacualas.
No lugar de Outeiro e en toda a parroquia de Carracedo a noticia sobre a morte de Giovanna Frieiro estendeuse rapidamente, e parece que dúas amigas da vítima, ao decatarse do ocorrido, tiveron que ser atendidas por senllas crises de ansiedade. Alí todos se coñecen, e calquera veciño ao que se lle preguntase estaba desconsolado. “Saíran á movida e cando regresaban de Chanteclair tiveron o accidente”, comentaban unha e outra vez os clientes dun bar próximo á casa natal. As mesmas fontes aclaraban que a condutora do turismo “sacara o carné fai apenas catro meses”.

Deixar un comentario