Tourís entrega aos veciños o proxecto de reforma da PO-531

A plataforma de afectados pola reforma da PO-531 recibiu onte de mans da Xunta o proxecto de reforma da estrada que une Pontevedra con Vilagarcía. Os veciños achegaron varios detalles para incluír no documento, como a inclusión dalgún paso de peóns a maiores, segundo o delegado territorial da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís. «Lestes detalles xa foron recollidos polos responsables de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas», explicou.

A reforma afectará a dous tramos da PO-531 desde a glorieta dos bombeiros de Pontevedra ata a de San Caetano, en Alba, así como desde esta ata o nó de Curro . En total, serán oito quilómetros que se verán moi mellorados cunha mediana de seguridade, tramos urbanos e semiurbanos, pasos de peóns, carrís de dobre vía e amplas beirarúas», indicou o delegado territorial, que onte tamén fixo entrega do proxecto ao alcalde de Barro, José Antonio Landín.

Está previsto que a mediados de decembro a empresa adxudicataria entregue á Xunta o proxecto construtivo no que se incluirán as expropiacións para levar a cabo a reforma. Mentres, a plataforma explicará aos veciños o alcance da obra.

Deixar un comentario