O mercado de flores de defuntos perece coas grandes áreas e a choiva.Milagres Carballo florista da parroquia de Curro

O tradicional mercado de flores de defuntos, coas que hoxe aparecerán adornados os cemiterios nunha xornada festiva (Día de Todos os Santos) na que se rende homenaxe aos seres queridos falecidos, está a morrer. Os floristas que onte instalaron os seus postos na Praza da Ferrería non podían ocultar o seu desánimo ao comprobar a considerable diminución de compradores respecto de edicións anteriores. Aínda por riba de males, a aparición da choiva ao mediodía e á primeira hora da tarde tampouco animou á clientela.

”Á primeira hora da mañá saíu o sol e houbo bastante movemento, pero agora que empeza a chover as vendas van máis lentas do que nós desexariamos”, explica Milagres Carballo desde o seu posto, especializado en centros florais. ”Mantemos os prezos doutros anos: os máis baratos pódense adquirir a 20 euros e os máis caros non pasan dos 35 euros”, explica esta florista da parroquia de Curro (Barro).

A rosa vermella consolídase como a raíña dos centros florais que se adquiren na Ferrería durante a véspera do Día de Todos os Santos e nesta propia xornada (hoxe mantéñense os postos, aos que poderán acudir os máis atrasados, que deixaron para última hora o adorno floral dos nichos e panteóns familiares). ”Moitas persoas compran as flores nos postos que xa coñecen de anos anteriores. Pódese dicir que xa son clientes fixos”, precisa Milagres, que desde fai 15 anos atende un dos estands do mercado floral.

A redución do número de postos de venda en relación a edicións anteriores tamén delata a crise que afecta a este mercado. Contabilizáronse 55 estands, fronte aos 70 que houbo en 2010 e os 68 dos anos 2008 e 2009. Esta circunstancia provocou que unha ampla zona da Ferrería , a máis próxima aos soportais, estivese baleira, sen a aglomeración de floricultores que se rexistraba en anos precedentes.

Deixar un comentario