Diversas empresas escúdanse no fallo que anula o plan de Barro-Meis para renunciar ás súas parcelas

A sentenza da Sección Segunda da Sala de Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o plan de sectorización do polígono empresarial de Barro-Meis é unha ameaza que é necesario desactivar canto antes. Este é o obxectivo dos grupos políticos que integran a Corporación provincial despois de que onte o BNG desvelase durante o pleno da Deputación que son varias as empresas que xa renunciaron ás súas parcelas nesta área empresarial escudándose para iso na suposta inseguridade xurídica que xera o fallo xudicial.
Foi o portavoz nacionalista, César Mosquera, quen deu a voz de alarma e sinalou que a actual situación económica, tan “pouco boiante” , non é a mellor para impulsar novos proxectos e investimentos para implantarse no polígono industrial, algo ao que esta sentenza “non axudou nada, e a crise menos”. Asegurou que son varias as empresas “que están a utilizar a suspensión deste plan sectorial para desadjudicar as parcelas que reservaron e úsano como motivo para renunciar ás parcelas e irse”. “Parece que estamos a retroceder en lugar de avanzar”, engadiu Mosquera, por iso é polo que considere necesario “retomar o asunto e se se quere xestionar esa posible saída” para o parque empresarial, desde o BNG aseguran que “aquí estamos para axudar”.
Aínda que o presidente da Deputación recoñeceu que é certo que “aproveitando esta época de dificultade económica algunhas das empresas que tiñan reservado terreo en Barro-Meis ven obrigadas a renunciar” ás súas parcelas, Rafael Louzán preferiu destacar o aspecto positivo e sinalou que entre 3 e 5 empresas acabar de obter licenza do concello de Barro e “nos próximos días van iniciar a súa actividade” para asentarse no parque empresarial, “o que nos fai sentirnos esperanzados”. De feito, Louzán falou desta área empresarial como o “revulsivo necesario” para impulsar a economía das comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas, tendo en conta, sobre todo, “a carencia de chan industrial” que ten a área de influencia da capital.
O presidente da Deputación agradeceu “contar coa colaboración do BNG” para “desbloquear a situación xerada pola sentenza” e di ser coñecedor das “boas intencións” dos nacionalistas para poder “chegar a un acordo cos propietarios próximos ao polígono que pensaron que se poderían ver prexudicados coa posta en marcha do mesmo”. Louzán asegurou que o que ocorrerá será todo o contrario e que o desenvolvemento de Barro-Meis será beneficioso para os propietarios e todos os veciños de Barro. Asegurou que nos próximos días retomaranse os contactos para tentar chegar a un acordo que deixe sen efecto a sentenza e afirma que este parque empresarial “vai quedar legalizado dunha maneira ou doutra”, o que vai xerar ” confianza para que se ocupe na súa totalidade”. Algo do que tamén se mostra convencido Louzán ao sinalar que se vai a tratar da área empresarial de Galicia con mellores comunicacións, non só por estrada –co acceso a todas as vías de alta capacidade a través do macroenlace de Curro–, senón coas autoestradas da información e as novas tecnoloxías, así como todo tipo de servizos en materia enerxética.
O debate sobre a situación do polígono de Barro-Meis saíu a colación no Pleno por mor da aprobación dun suplemento de crédito de 460.000 euros para o Ipespo con destino ás obras de urbanización do parque empresarial. Un punto no que o BNG se abstivo ao considerar que o sobrecusto do proxecto comeza a ser “excesivo”. Louzán anunciou que as obras están executadas “en máis dun 90%”.

Deixar un comentario