A Deputación aproba un crédito para revitalizar chan industrial

Corren malos tempos para grandes investimentos industriais. Pero onte, a Deputación de Pontevedra afianzou recursos para revitalizar os seus proxectos neste campo. O pleno da institución aprobou un suplemento de crédito para o Ipespo, o instituto creado pola Deputación para a creación de chan industrial.

Rafael Louzán, o presidente da Deputación, desvelou que tres novas empresas están a piques de instalarse no polígono. Pero o portavoz do BNG, César Mosquera, recordou a inseguridade xurídica do polígono, obxecto dunha sentenza que pesa sobre o seu plan de desenvolvemento. O presidente do organismo provincial remitiuse ao recurso xudicial interposto e mostrouse confiado acerca dunha solución viable para a que é unha das maiores bolsas de chan industrial de Galicia.

Barro-Meis está integrado por catro grandes sectores de chan industrial, con preto de dous millóns de metros cadrados en total. Trátase dun conglomerado de actuacións que desenvolven en Meis dúas bolsas de chan de 440.000 e 236.000 metros cadrados. En Barro hai unha de 700.000 metros en Caeiro e outra de 505.000 no sector de Outeda-Curro . É precisamente esta última bolsa na que xa hai naves en construción e a que viu anulada o seu plan de sectorización, un requisito imprescindible para desenvolver chan urbanizable non delimitado. O sector de Outeda-Curro foi financiado exclusivamente con fondos da Deputación de Pontevedra.

A institución provincial leva investidos no polígono máis de vinte millóns de euros: 4,5 de pago de expropiacións, 13,5 correspondentes á adxudicación da urbanización e do proxecto modificado, e dous máis para garantir o abastecemento de auga

O suplemento de crédito aprobado onte busca revitalizar a actividade industrial e pechar os investimentos necesarios para que o polígono vaia sumando actividade de forma graduada, o que suporía un retorno do investimento despregado pola Deputación a través da venda das parcelas.

Deixar un comentario