Novo itinerario no macronudo

Tras a confusión xerada o martes polas obras, todos os tráficos no macronudo de Curro , que enlaza as conexións viarias entre Pontevedra, Arousa e O Salnés, canalízanse nun único nivel. A obra viaria que acumula por segundo ano consecutivo a maior consignación orzamentaria da provincia, con 9,2 millóns de euros, entra así nunha nova fase que permitirá avanzar nos outros dous niveis nos que tamén se está traballando.

Os principais cambios danse no itinerario que realizan os condutores que circulan desde a autovía do Salnés cara á PO-531 (a estrada que une Pontevedra con Vilagarcía), ou a autoestrada AP-9. Os accesos tradicionais están desde o martes inutilizados. No seu lugar, todos os itinerarios realízanse agora a través da gran glorieta superior.

Os cambios no macroenlace de Curro son tales que obrigan a construír catorce quilómetros de novos viarios. Só os ramais de conexión supoñen máis de dez.

O eixo principal inferior, que discorrerá baixo a gran glorieta, terá máis de catro quilómetros. Cando estea rematado terá tres viadutos (un no eixo principal e dous nos secundarios), cinco pasos inferiores, tres pasos superiores e serían necesarias unha vintena de obras de drenaxe.

Só o nó pequeno de Curro , actualmente tamén en obras, ten un orzamento de dous millóns e medio, unha cifra que queda pequena fronte aos 36,5 millóns de euros que custará o macronudo.

Sobre a reforma da estrada PO-531, cuxo proxecto será presentado aos veciños proximamente, aínda se descoñecen os detalles técnicos. Os Orzamentos 2012, recentemente presentados no Parlamento, non recollen consignacións relevantes para a obra, o que espertou o receo entre os veciños afectados.

 

Deixar un comentario