A empresa abre ao tráfico a glorieta do macronudo e suprime o desvío de Curro

Os 20.000 coches que cada día utilizan a PO–531 entre Vilagarcía e Pontevedra usan desde primeira hora da tarde de onte a glorieta central do macronudo de Curro, co que a UTE pon fin ás incomodidades que desde hai ano e medio supuña o sinuoso desvío que había que empregar.
Desde hai dúas semanas axilizouse a colocación dos gardarraíles na maior parte dos 18 quilómetros de viarios que se executaron nas 62 hectáreas de terreo que ocupa o que vai ser a ligazón máis grande de Galicia.
A apertura desta rotonda intermedia é o primeiro paso para pór en funcionamento outros tramos da vía, o q ue vai permitir conectar de forma directa a autoestrada do Atlántico (AP–9) coa Autovía do Salnés (AG 4.1), así como outras estradas de menor intensidade de vehículos, por ser secundarias.
De todos os xeitos, a apertura non é definitiva pois aínda quedan dúas fases de obra a executar antes de finais do próximo ano 2012, e que basicamente afectan á zona máis próxima á autovía. Unha vez que se culmine esta fase será cando os vehículos poidan utilizar ao completo a infraestrutura que nas súas liñas xerais levará dous carrís en cada sentido da circulación.
Por iso, de momento, os coches desembocan desde a autoestrada e a autovía nun tramo de só dous carrís, aínda que a ligazón xa vai ser directo.
A apertura deste tramo non vai significar ningún aforro en distancia, pero se vai alixeirar o tráfico nesta zona, onde se producían retencións debido ás difíciles curvas e á pronunciada pendente.

Deixar un comentario