De catro mil a mil familias en Galicia, duascentas delas na provincia de
Pontevedra. É a redución que sufriu o programa Preescolar na Casa tras o ERE que afecta aos traballadores desta fundación. Onte, parte do persoal, arroupada por varios
pais, protagonizou unha concentración de protesta ante a sede do edificio da Xunta para esixir á Consellería de Traballo e Benestar Social que achegue os 200.000 euros de subvención comprometidos para este ano, sen os que o futuro da fundación, aseguran, periga.
O ERE implica que 20 traballadores teñen o seu contrato suspendido e outros 17 están a media xornada. Na provincia, dos sete profesionais que había, agora están a traballar dous, que se centraron nos grupos creados nos municipios da Estrada, Silleda, Lalín, Valla, Pontecesures e Mondariz e arredores. No camiño quedaron este curso os de Caldas, Cuntis, Moraña, Sanxenxo, Bueu, Marín ou Barro.
«Este é un servizo único en Galicia -sinalou José Expósito, do comité de empresa- que ofrece pautas educativas aos pais de nenos de 0 a 3 anos. E é un servizo pioneiro a nivel nacional, do que presumen vos nosos queridos políticos. En xullo estivemos recibindo un premio en Praga e contraditoriamente estannos recortando. Estamos falando dun programa educativo e un programa que destina a súa principal atención ao ámbito rural».