Un veciño de Barro tivo por erro na súa conta durante uns minutos 135 millóns de dólares

Multimillonario por uns minutos. Así se sentiu onte un veciño de Barro afeccionado aos investimentos en bolsa e que traballa para unha Administración pública tras consultar a súa conta en Internet. Accedeu a través do portal de IG Markets, como fai habitualmente, e a sorpresa foi maiúscula. Tiña un beneficio ao seu favor que superaba os 135 millóns de dólares. Nin máis nin menos. En concreto, o balance era de 135.946.420,30 dólares (uns 98,9 millóns de euros).

Tras o impacto inicial e certa broma, a súa seguinte reacción foi de cautela. «Eu teño algúns depósitos pero claro, esa cantidade….», comentou onte a La Voz este economista que está colexiado en Portugal e que traballa como axente de desenvolvemento local. O seu primeiro movemento tras detectar os 135 millóns de dólares foi porse en contacto con IG Markets, que de inmediato lle trasladou que tiña que tratarse dun erro informático.

De feito, a recomendación que lle fixeron foi que pechase o explorador e que o volvese a abrir. Antes de facelo, requiriu varias testemuñas. Por cuestións laborais, o achado da conta millonaria produciuse no Concello de Barro, nun receso para o café. «Chamei a cinco compañeiros que estaban alí e tamén ou viron cos seus propios ollos», sinalou. Efectivamente, tras pechar o explorador os 135 millóns habíanse esfumado e no seu lugar figuraba só un saldo de 12 euros.

Anécdotas aparte, este pontevedrés está decidido a presentar unha reclamación ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Aínda que é consciente de que non servirá para nada, pero sostén que son cousas moi serias e que a firma en cuestión ten uns controis enormes.

«Unha empresa tan grande como esa non debería cometer eses erros. Quero saber por que apareceu ese saldo aí e por que desaparece. Neste caso era a favor, pero podería ser negativo», apuntou entre risas este millonario efémero.

 

Deixar un comentario