A zona norte do municipio queda sen auga da gran traída

As sucesivas rebaixas no novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría -os primeiros estudos falaban de 60 millóns e ata agora adxudicáronse actuacións por 17- deixan marxe para realizar máis obras. Acuanorte celebrou onte cos concellos afectados a enésima reunión para analizar o proxecto e decidiu abrir as portas á incorporación de Marín e Vilaboa á gran traída. Esta incorporación permitirá levar auga de calidade e en altura a catro parroquias do sur e do leste de Pontevedra. A zona norte, con todo, terá que esperar, a pesar de dispor do único encoro do municipio.

De nada parecen servir as imaxes das cisternas levando auga estes días a San Andrés de Xeve a 300 euros a viaxe. Na zona norte «de momento a cousa vai quedar así», admitiu onte o alcalde, Miguel Fernández Lores, quen relacionou esta decisión á resposta «negativa» dada desde a Deputación á iniciativa municipal de levar a auga pola parte máis setentrional do municipio ao polígono de Barro-Meis.

«Nos non imos a facer unha infraestrutura moi potente que non sería rendible para ou concello de Pontevedra», indicou o alcalde, iso si, sen excluír «algún bombeo» para abastecer as zonas máis baixas.

Mellor sorte terán as parroquias de Marcón, Tomeza, Lourizán e Salcedo, onde se situaría un novo depósito, ao beneficiarse da rede de tubos que levarán a auga a Marín e Vilaboa. Estes dous municipios están xa na gran traída, como demostra a asistencia dos alcaldes Marçia Ramllo e Luís Poceiroa a reunión de onte, aínda que aínda non deron o si quero definitivo.

Acuanorte proporcionaralles en «menos dun mes» un estudo coa simulación do que lles corresponde pagar e será entón cando os plenos municipais aproben formalmente a entrada.

MAIS INFORMACIÓN, PREME AQUI

Deixar un comentario