Queda pouco máis dun mes para que Terras de Pontevedra bote o peche. Polo menos, no que se refire ao
desenvolvemento do «Plan de Dinamización do Produto Turístico», que naceu no ano 2007 mercés a un convenio entre o Estado, a Xunta, oito municipios da comarca e o sector privado, representado pola Cámara de Comercio.
Pasaron catro anos e investíronse máis de catro millóns de euros, e o resultado é o posicionamento no mercado da marca Terras de Pontevedra, o impulso de novos recursos turísticos en toda a comarca e o lanzamento de produtos específicos cuxo único obxectivo é atraer visitantes aos municipios que forman a mancomunidade: Pontevedra, Poio, Vilaboa, Campo Lameiro, Marín, Cotobade e Ponte Caldelas, ademais de Barro, que formou parte no seu día da iniciativa, aínda que recentemente decidiu retirarse.
Terras de Pontevedra prepara unha gran traca final para a súa despedida, que chegará formalmente o próximo 28 de outubro cun acto no recentemente inaugurado Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, non en balde a arte rupestre foi unha das grandes bazas coas que se xogou nestes catro anos para impulsar o turismo na comarca.
En Internet
Mentres chega a data do peche, a mancomunidade segue traballando e lanzando propostas. Onte mesmo presentáronse oficialmente os paquetes turísticos de Terras de Pontevedra, unha iniciativa que levou máis de dous anos de traballo para chegar a acordos con axencias de viaxes e páxinas web dedicadas ao sector, que son quen se encargan da comercialización, e empresas de hostalería, de tempo libre e doutros ámbitos de toda a comarca.
O resultado son un total de corenta paquetes ou propostas para coñecer as Terras de Pontevedra, que se poden contratar pola vía tradicional ou ben por Internet, en páxinas especializadas como lastminute, muchoviaje, atrapalo, evadium ou venere. E tamén se comercializan baixo a fórmula do «cofre-regalo».
Terras de Pontevedra deseñou paquetes turísticos para todos os gustos e petos, que combinan noites en aloxamentos rurais con actividades como rutas dacabalo, en piragua, en barco, en lancha rápida e ata en avionetas bipraza. Para clientes menos aventureiros hai propostas como facer rutas gastronómicas e gozar de menús de degustación, participar en catas de viños e ata asistir a cursos de iniciación á talla de madeira e de pintura; e ata a posibilidade de relaxarse nun balneario urbano, de gozar de visitas guiadas personalizadas ao centro histórico de Pontevedra ou de facer tramos do Camiño Portugués a Santiago.
Os prezos oscilan entre os 30 euros por persoa -unha noite nunha casa rural en réxime de aloxamento e almorzo- ata os 795 que custaría unha ruta organizada de cinco días dacabalo polo Camiño Portugués con guía, aloxamento e comidas incluídas.
Campaña informativa
Ademais da promoción que se faga e estes produtos a través das webs especializadas, da web da mancomunidade -www.terrasdepontevedra.org- e das axencias de viaxes, tamén se organizou un envío de información sobre os paquetes turísticos tanto vía electrónica como física. Os obxectivos da campaña son o resto do Estado, o Reino Unido e o norte de Portugal. Precisamente, o vindeiro luns terá lugar un acto de presentación dos produtos de Terras en Vila Nova de Gaia.
Os paquetes turísticos comercialízanse a través de axencias e de Internet
Terras presenta
o vindeiro luns os seus produtos na localidade lusa de Vila Nova de Gaia
O peche da actividade será o 28 de outubro en
o centro rupestre de Campo Lameiro