Rebaixan a pena a un garda civil condenado por narcotráfico

A reforma do Código Penal que entrou en vigor a finais do pasado ano continúa beneficiando a moitos condenados por narcotráfico ao longo do pasado ano. O último caso é o de Javier Ferreiro Vázquez, un axente da Garda Civil destinado no País Vasco, aínda que natural de León, que foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra a dez anos e nove mes de prisión tras acudir a un hostal de Curro para comprar unha partida de cinco quilos de cocaína a un clan arousán.
En outubro do pasado ano sentou no banco da Audiencia Provincial de Pontevedra xunto con outros oito acusados (todos eles veciños da comarca de Arousa), sendo o único dos procesados que non recoñeceu os feitos e non chegou a un acordo co fiscal que permitiu unha rebaixa das penas impostas.
Finalmente, a Sección Segunda da Audiencia ditou sentenza e condenou ao entón garda civil a unha pena de dez anos e 9 meses que foi recorrida polo acusado ante o Supremo. Agora o Alto Tribunal acaba de dar a razón á Audiencia e asume, punto por punto, todos os argumentos que empregou o tribunal pontevedrés para condenalo. Dá por boas escóitalas telefónicas e cre que existe proba máis que suficiente para condenalo. No entanto, tal e como recoñece o propio fiscal, redúcelle a pena en dous anos en base á reforma do artigo 368 do Código Penal que modifica as penas polos delitos de narcotráfico e a fixa en oito anos de prisión. Iso si, mantén unha pena de multa que ascende a 775.000 euros.
O Supremo confirma o resto da sentenza que establece que en abril de 2007 Javier Ferreiro Vázquez concertou unha cita con outros dous dos acusados (os arousáns Daniel Meaño Cores, quen entón era funcionario da Deputación; e Javier González Bouzada, que era cabo da Armada destinado en Ferrol) nun hostal situado en Curro, ao pé da estrada entre Vilagarcía e Pontevedra, no termo municipal de Barro. O garda civil desprazouse desde o País Vasco ao hostal de Curro, onde primeiro entregaría o diñeiro a Bouzada, quen posteriormente o entregou a Meaño Cores nun local da vía rápida do Salnés. Cando González Bouzada regresaba ao hostal para facer entrega do cinco quilos de cocaína ao garda civil foi interceptado polos axentes da Udyco da Policía Nacional. Posteriormente era detido Ferreiro Vázquez e horas máis tarde caía Meaño Cores e incautábanselle 142.000 euros.
Os dous arousáns tamén foron condenados a senllas penas de 9 anos e 1 día de prisión despois de recoñecer a súa participación nos feitos ante o xuíz. No informe do Ministerio Fiscal ao recurso interposto por Javier Ferreiro xa expón que as condenas impostas a estes dous acusados tamén deberán ser “revisadas” á baixa en base a esta reforma do Código Penal.

Deixar un comentario