Un accidente de tráfico producido sobre as 20 horas de onte pola tarde na autovía do Salnés, concretamente en Curro , provocou grandes retencións de tráfico nos dous sentidos de circulación, que duraron máis dunha hora.
O accidente tivo lugar no quilómetro 0,5, no tramo de obras do nó de Curro , ao chocar dous vehículos, tras invadir un deles o carril contrario, segundo informaron efectivos da Demarcación da Garda Civil de Tráfico.
A pesar da espectacularidade do choque, o suceso saldouse con tres feridos, que ao parecer non revisten especial gravidade, ademais das fortes retencións en ambos os sentidos da circulación. Pola autoestrada, as colas chegaban ata a peaxe, e na estrada Sanxenxo-Pontevedra, efectivos da Garda Civil de Tráfico tiveron que canalizar a circulación por vías secundarias. No entanto, os atascos duraron máis dunha hora.