UNHA “CABAÑA” NO PAZO DA CREGA

Gustavo Almeida.

O pasado venres, tódolos que asistimos ao concerto de Gustavo Almeida, acompañado por Eric Rodríguez á percusión, vivimos unha noite moi especial, na que os dous artistas metéronse ao público no peto.

O espectáculo que comezou ao redor das 23.00 horas e finalizou sobor das 02.00 horas da madrugada, desenvolveuse en dúas partes, nas que, na primeira delas puidemos deleitarnos coas cancións do seu último traballo “Cabaña”, cun estilo musical entre o funk, o reagge e o rock nas que se fai notar as súas raíces do seu país natal. Na segunda parte do concerto, o artista, ademais de continuar coas súas cancións, tamén nos fixo vibrar e ser partícipes de distintas versións doutros artistas coñecidos e de diversos estilos, como o mítico “The Wall”, da banda de rock británico Pink Floid; “Ojalá” do cantautor Silvio Rodríguez e, como non, a interpretación dalgún tema do noso amigo e veciño Tom Trovador, que deixou a nosa terra para vivir actualmente na illa de Mallorca.

Artistas locais.

Segundo corría a noite e o público se animaba mais e mais, algúns asistentes decidiron sorprendernos e, puidemos ver a María e a Elena cantando unha bonita canción a dúo.

Outra das asistentes que se animou a cantar foi Ana Angueira que o fixo acompañada de Gustavo Almeida á guitarra, onde nos deixou con gañas de escoitar algunha máis das súas cancións e esperando poder vela nalgún concerto polos arredores.

E, para rematar coa parte dos artistas locais, o veciño de Valiñas, Juan Búa Cores, animouse a interpretar algún dos seus temas á guitarra, memorando ao grupo de música que tivera hai anos.

Organización.

No tocante á organización do evento, que correu a cargo da Asociación Terras de Barro, deixounos sorprendidos segundo íamos entrando no Pazo da Crega que estaba engalanado para a ocasión cunha decoración minimalista á par que acolledora, amosando un ambiente cálido.

En resumo, unha noite perfecta na que a climatoloxía deixounos a súa mellor cara para que a combinación de elementos fose a mellor.

Dende aquí queremos felicitar a Gustavo Almeida e a Eric Rodríguez polo concertazo, e á organización polo seu esforzo e traballo altruista, que nos tempos que corre, agradécese.

UN DEZ!

Aquí deixámosvos algunhas fotos da noite.

Deixar un comentario