Pontevedra verte artesanía líquida

Nunha terra de bebedores como é a nosa, ademais do viño existe tamén un incipiente mercado, o da cervexa artesanal. Descoñecido para moitos por dous motivos: o primeiro, a acaparadora e lóxica tradición vinícola na terra das cepas, e o segundo, o monopolio da cervexa comercial, que homoxeniza os sabores.

Aínda así, en Cangas e en Barro afánanse por sacar adiante novos gustos, sempre cun toque pontevedrés. Os ingredientes esenciais para todas as receitas: maltas e lúpulo, ademais de auga e outros cereais como trigo e avea. A partir disto e tras un laborioso proceso de varios meses, é posible saborear as máis mimadas cervexas. Un dos recantos pontevedreses nos que se leva a cabo este minucioso traballo atópase en Aldán, en Cangas. Adegas Menduíña. Descoñecida para a meirande parte dos seus veciños, agóchase tras uns grises muros unha pequena fábrica de cervexa artesanal.

Alberte Fernández e Valeria Efftimoff son os responsables da súa existencia. O cervexeiro lembra que foi polo ano 2002, en Arxentina, onde a idea xermolou na súa mente. Traballaba na Patagonia, na pesca, nada que ver co que se convertería no seu modo de vida anos despois. Alí coñeceu varias fábricas artesanais de emigrantes europeos que levaron ás américas esa tradición. Pequenas explotacións das que el bebeu ata descubrir que ”o mundo da cervexa era moito máis amplo do que imaxinaba”. O pontevedrés comezou, como seguramente se inician nas artes a maioría dos artesáns, facendo cervexa para os amigos e os familiares. Naquel momento Alberte non pensou que ”algo que facía coma unha afección agora sería o noso modo de vida”.

Arrancar coa fábrica de cervexa foi un laborioso proceso que durou tres anos. Ata que, finalmente, o pasado ano comezaron a producir a saborosa bebida, para dous meses despois, saír á rúa e acadar os seus anhelos.

Alberte e Valeria tiveron claro desde o principio que o máis importante para eles sería ”a variedade e a calidade”, de aquí que irrompesen no mercado con catro variedades diferentes de cervexa para manter anualmente e dúas de tempada, diferenciando a bebida de verán co frescor do loureiro e a de inverno coa dozura do mel. Conta Valeria que, ademais das receitas estándar, Alberte ”siempre trata de darle su toque a cada uno de los tipos de cerveza y al estar en Galicia intenta involucrar en la cerveza productos de la tierra”. O outro recanto onde dous atrevidos pontevedreses foron cautivados polo mundo da cervexa é Agudelo, en Barro. Alí, protexidos por uns robustos muros de pedra, Anxo Puime e Quique Rodríguez aventuráronse nunha nova andaina que se fixo realidade a principios deste ano baixo o nome de Saramagal.

O interés por esta bebida de tradición estranxeira data duns cinco anos atrás. Anxo e Quique, afeccionados á cervexa, elaborábana para a xente do seu entorno. Pouco a pouco, o seu interese neste ámbito foi crecendo á vez que a súa técnica se perfeccionaba para acadar un produto máis profesional. Conta Anxo que o que os move é ”a calidade e non a cantidade”, xa que a súa é ”unha cervexa para cervexeiros, polo especial do seu sabor”, que se alonxa infinitamente do produto cada vez máis comercial. Isto é froito do especial gusto que posúe.

Como metas a curto prazo teñen en mente a creación de novas variedades de cervexa e ”seguir crecendo no mercado, pero sempre valorando máis a calidade que o volume de produto”, sinala Anxo. As cervexas de Menduíña e de Saramagal teñen gustos moi diferentes. A pesar de ter como base receitas tradicionais, en cada un dos grolos levan a identidade dos seus autores. Aqueles que as miman durante moitos días e poñen nelas un chisco de emoción propia para así impresionar ós bebedores do que foron os seus soños.

MAIS INFORMACIÓN, PREME AQUI.

Deixar un comentario