A Audiencia de Pontevedra confirmou un auto xudicial polo que se insta a Ence a que consigne unha fianza de máis de
184.000 euros no marco da instrución xudicial por un accidente laboral mortal ocorrido en novembro do 2009. O escrito refire que deben ingresarse 147.946 euros «a favor» da esposa de Manuel Núñez García, «así como a cantidade de 12.328 euros por cada un dos fillos do falecido» -as fontes consultadas aludiron a que a vítima era pai de tres nenos-.
Os maxistrados pontevedreses aclaran, no entanto, que a pasteira, «como responsable civil subsidiaria a tenor do mandato do instrutor, quedará exenta do afianzamento se o constitúe o responsable civil directo», a empresa aseguradora.
As cantidades económicas anteriormente apuntadas fixáronse conforme á indemnización civil que, chegado o día do xuízo, «podería corresponder aos prexudicados polo falecemento do referido traballador».
Fronte ás teses esgrimidas polos representantes de Ence de que aínda non se esclareceron os feitos para determinar a existencia de indicios de criminalidade, a Audiencia é contundente: «A pesar de non haberse recibido declaración aos imputados, existen informes na causa e abundantes dilixencias documentadas acerca da posible forma de produción do atropelo do traballador, que permiten sustentar a posible existencia de infracción penal».
Engade, así mesmo, que «consecuentemente permiten tamén proxectar a obrigación de resarcir os danos e prexuízos na empleadora».
Os feitos
Manuel Núñez, de 55 anos e veciño de Barro, faleceu o 6 de novembro do 2009 arroiado por un camión no recinto da fábrica de Lourizán. O condutor, de orixe portuguesa, foi sometido á proba de alcoholemia, que deu negativo.
No marco da causa xudicial, os maxistrados sinalan que se dispón de informes da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra e da Consellería de Traballo e Benestar, así como unha resolución do Ministerio de Traballo, «que coinciden na existencia de infraccións en materia de seguridade e saúde dos traballadores por parte da mercantil».