Os últimos días das festas adoitan ser os máis importantes e esperados, e en Ponte Caldelas non queren ser menos. Por iso,
as actividades previstas para luns e martes serán das máis esperadas e é que desde o día 29 a música e o humor serán os protagonistas encargados de pór moi alto o listón do fin de festas.
Ás 12.00 horas da mañá do luns a música da banda Xuvenil de Barro amenizará o ambiente con pasacalles e concertos que darán paso a unha tarde-noite na que a banda de gaitas Os Coribantes de Buchabad e outros grupos do municipio servirán de aperitivo para a verbena -coa orquestra Abanico- e unha das visitas máis valoradas de toda a programación. Nucha e Moita, máis coñecidas como as Cantareiras de Ardebullo actuarán a partir das 24.00 horas para ensinar aos galegos e demais espectadores diversos aspectos da cultura desde un punto de vista moi divertido.
Os pasacalles da banda Cultural de Arcade abrirán o martes para deixar paso á misa solemne que se celebrará pola tarde en honra a San Roque e que contará cos cánticos da Coral Valdarrosa. Pola súa banda, a música da Banda de Cornetas e Tambores da Confraría da Veracruz e Misericordia de Pontevedra e a Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabad acompañarán na procesión ás imaxes da Sacra Familia e a Virxe dos Dolores ás súas capelas.