Os conflitos de intereses dos colectivos afectados polo trazado da autovía A-57 frean o desenvolvemento do proxecto
desta importante infraestrutura de comunicación que circunvala Pontevedra, enlazando a capital e a comarca do Salnés coa autovía das Rías Baixas, A-52. O ministro de Fomento, José Blanco, así o confirmou durante a súa visita á comarca do Salnés. Achacou o atraso da solución técnica para o trazado á necesidade de dar resposta ás miles de alegacións presentadas.
A complexidade do trazado da A-57, dividido en oito tramos, e os numerosos núcleos de poboación polos que pasa, levaron ao Goberno Central a decidir priorizar a construción da outra autovía, A-59 entre Vilaboa e Peinador que só conta con tres tramos e os seus proxectos están moito máis avanzados. De todos os xeitos non queda descartada a outra vía de comunicación que interesa especialmente aos veciños de Vilagarcía de Arousa e do resto da comarca do Salnés.
Para este ano, segundo explicou recentemente o Ministerio en resposta a preguntas de deputados do BNG e do PP, reserváronse 2,2 millóns de euros para a nova vía de comunicación que comunicará coa autovía das Rías Baixas, quedando a metade da partida orzamentaria destinada ao estudo informativo de prolongación da A-57 desde Xeve ata Curro, no municipio de Barro. Precisamente este tramo completa a circunvalación da capital da provincia e enlázaa coa autovía Curro-Baión, promovida pola Xunta de Galicia, co fin de comunicar directamente por autovía os municipios de Vilagarcía de Arousa e Pontevedra. Trátase da alternativa máis viable á actual estrada PO-531 que é a vía autonómica con maior densidade de tráfico.
A A-57 ten como obxectivo unir a autovía A-52, Rías Baixas, á altura de Ou Confurco, termo municipal de Ponteareas, coa cidade de Pontevedra para posteriormente continuar, sempre con sistema de catro carrís, ata Curro, termo municipal de Barro, onde a Xunta de Galicia executa na actualidade un macronudo de comunicacións. Este complexo viario foi concibido como un intercambiador de tráficos mediante catro carrís entre a autovía do Salnés, a autoestrada AP-9 e as futuras autovías A-57 e de Vilagarcía (Curro-Baión), ademais das estradas PO-531 (Pontevedra-Vilagarcía e PO-300 (Cambados-Nogueira).
O macronudo de Curro está actualmente en execución e o seu trazado atópase moi avanzado. Foi concibido en tres niveles e a súa execución requiriu a construción de 9 pasos inferiores, 4 superiores e 2 glorietas. A Consellería de Medio Ambiente, que inviste nesta obra 36,5 millóns de euros, espera poder pola en funcionamento a mediados do próximo ano.
Coincidindo coa construción do macronudo de Curro, comezou recentemente a execución do primeiro tramo da autovía de Vilagarcía. Actualmente xa pode divisarse desde o macroenlace o trazado do catro carrís que parten desde a parroquia de San Lourenzo ata a ligazón da Costa. Son só 2 quilómetros de percorrido do total de 8 quilómetros previstos para a nova autovía.
A Administración autonómica espera poder sacar a contratación a segunda fase da autovía en breve prazo. O seis quilómetros restantes inclúen un viaduto sobre o río Umia, en Baión.