Unha nova estrada aliviará o tráfico no centro de Barro

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Barro, o popular José Antonio Landín, asinaron onte un protocolo para a conexión alternativa á estrada N-550. Esta actuación, para a que se retoma a modificación puntual número 2 do PXOM, mellorará as comunicacións e permitirá o desenvolvemento de novos sectores residenciais de chan urbanizable no lugar de Valbón, na parroquia de Agudelo.

O futuro viario terá 1.200 metros de lonxitude, unha calzada de 12 metros, con dous carriis de 3,5, unha beirarrúa de 3 e unha zona verde de 2 metros de ancho. A estrada discorrerá por un treito do Camiño de Santiago no seu enlace co viario provincial Curro -Portela (PO-0506). Hernández destacou que a estrada permitirá aliviar o tráfico na zona máis urbana de Barro e resolverá o problema de conexión da N-550 co viario de San Antoniño a Curro e a estrada de Vilagarcía (PO-531).

O rexedor aludiu a que o acordo de onte é «moi importante», aínda que «de momento son papeis». Landín Eirín comentou que a modificación do plan de urbanismo posibilitará o desbloqueo do proxecto da cidade deportiva e das edificacións na zona do centro médico, ademais dos accesos desde a estrada Curro -Portela nunha parcela onde se situará a futura planta de biomasa.

 

 

 

Deixar un comentario