O Concello de Barro albergou o luns pola noite unha reunión convocada polo
alcalde, o popular José Antonio Landín, para intentar desbloquear a situación do polígono industrial de Barro-Meis tras a sentenza do Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia (TSXG) que o pasado abril anulou o plan sectorial ao non resolver problemas de auga e saneamento. Ao encontro asistiron os portavoces de BNG e PSOE, Xosé Manuel Fernández Abraldes e José Sanmartín, respectivamente, e os presidentes das Xuntas de Montes de Curro , Agudelo e Portela.
O obxectivo é acordar unha solución que dea seguridade xurídica ás empresas interesadas en instalarse no parque, pero tamén que dea seguridade aos veciños de que no polígono non se vai a instalar ningún tipo de empresa que poida prexudicar ás poboacións próximas.
Tras as intervencións acordouse elaborar un regulamento que concrete aquelas actividades que por considerarse nocivas ou perigosas non se poderán asentar en Barro-Meis. Un documento que terá que ser aprobado polo pleno do Concello de Barro. A elaboración dese regulamento corresponderá aos servizos xurídicos do Concello, a Deputación de Pontevedra -como promotora do parque- e ao letrado que leva a demanda dos veciños de Curro .