Preto de vinte mil persoas con idade de traballar, en concreto 19.357, están a
buscar emprego na comarca de Pontevedra. Esta nova cifra publicada onte polo Inem,
supón unha redución de apenas 384 traballadores, con respecto ao número de parados do pasado mes de maio.
Este pequeno descenso hai que atribuírllo sobre todo ao sector Servizos, no que, a pesar de que a época estival arrinca en xuño, segue contando na comarca con 10.241 persoas que seguen sen atopar ocupación no mesmo.
Pontevedra e Sanxenxo son os dous municipios con maior redución do desemprego neste sector. Con respecto a maio pasado, o paro reduciuse en 115 e 114 persoas, respectivamente. Aínda así, na capital provincial hai outras 4.326 traballadores do sector, e 718 en Sanxenxo, que a finais de xuño seguían sen ocupación laboral.
Os servizos comportáronse, aínda que case de forma moi pouco significativa, en todos os municipios da costa. Poio, con 764 persoas en paro, apenas baixa nove, o mesmo que en Marín; 23 Vilaboa, 25 Bueu e 43 Moaña. No interior, a súa incidencia é nula ou case: en Ponte Caldelas, baixou en cinco persoas, e dúas en Barro e en Campo Lameiro.
No conxunto da comarca o paro creceu con respecto a maio en Soutomaior (18), Barro (5), A Lama (3), Ponte Caldelas (7) e Cerdedo (5), baixando no resto das poboacións ata en 384 persoas.
Sectorialmente, a Industria foi a actividade con peor comportamento no mercado laboral, con 37 novos desempregados.