Alarma en Barro por un importante incendio forestal

Onte ao mediodía declarábase no concello de Barro un incendio forestal, posiblemente provocado pola vaga de calor que está a afectar Galicia esta fin de semana. O monte afectado, pertencente á Xunta de Montes da Portela, comezou a arder ó redor das 2 e cuarto da tarde. Sen embargo, unha mala coordinación dos medios de extinción empeorou a situación.

Os equipos de extinción de incendios forestais trasladaron ata o lugar un hidroavión, tres avionetas e dous helicópteros.

Nestes traballos incluso participaron os bombeiros do Salnés, que non contan co equipamento axeitado para a extinción de incendios forestais. Os efectivos acudiron ante a alarma pola proximidade das lapas a unha fábrica da zona.

Ata o lugar tamén se desprazaron efectivos da Garda Civil, que debido ás lapas tiveron que cortar un tramo da estrada PO-224, que permaneceu pechado ó tráfico ata preto das 5 e cuarto da tarde.

Ó longo desta tarde o incendio, que chegou a queimar preto de seis hectáreas de monte.

Un incendio en Barro pon en perigo a dúas naves industriais

A intensa calor das últimas xornadas trouxo os primeiros incendios forestais de importancia ao municipio e a comarca. Aínda que finalmente non revestiron unha especial gravidade, ao poder ser controlados, en dous deles, na parroquia pontevedresa de Campañó e no municipio de Poio, as chamas aproximáronse a zonas habitadas e nun terceiro, no limítrofe concello de Barro, o lume achegouse a dúas fábricas.
Foi esta circunstancia –a proximidade de vivendas e negocios– a que extremou a atención dos servizos antiincendios e a que converteu o encoro do Pontillón de Castro na referencia dos medios aéreos que interviñeron nos traballos de extinción. Os helicópteros cargaban auga na presa mentres que as avionetas desprazábanse ata a ría.
Na parroquia de Campañó, o incendio forestal rexistrado na mañá de onte afectou a monte baixo e en ningún momento puxo en perigo as vivendas próximas. Aínda así os bombeiros desprazáronse ata o lugar por se era necesaria a intervención dun equipo experto en rescate de persoas.
Pola súa banda o incendio en Combarro tamén puido ser sufocado con relativa facilidade, o que non impediu que a preocupación se estendese entre os veciños que lembraban a traxedia do verán do 2006 cando o lume si cercou núcleos habitados e puxo en risco a persoas e propiedades.
A situación foi máis complicada na zona de San Antoniño, no limítrofe concello de Barro, onde o incendio foi de maiores dimensións e xa pola tarde, cando as tarefas de extinción complicábanse polo vento que reavivaba o lume cando aparentemente estaba sufocado.
As brigadas do servizo de loita contra o lume da Xunta estiveron reforzadas por cuadrillas de León e de Allariz (Ourense) e contaron co apoio loxístico de seis avionetas, cinco helicópteros e camións cisterna.
Neste caso dúas plantas industriais estiveron preto do lume, preocupando de maneira especial a proximidade dun incendio a unha fábrica de hombreras debido á acumulación de espuma e material altamente inflamable no seu interior.
A pesar de que o incendio que empezou en Portela quedou baixo control a media tarde, o operativo seguiu na zona para asegurarse de que as chamas non se reavivaban co aire.

Deixar un comentario