A débeda dos concellos da comarca baixou un 7% no 2010

As corporacións municipais que onte tomaron posesión afrontan un período complicado no económico. Á evidente diminución de ingresos derivados da crise do ladrillo únese o recorte de fondos procedentes do Estado e da Xunta. E tamén, por suposto, as limitacións impostas desde Madrid ás operacións de crédito endurecendo os límites de endebedamento.                                                                       

Durante o pasado exercicio, o Goberno impuxo novas regras para obrigar aos concellos a pór coto ao excesivo endebedamento: os que máis deben non poden acudir a novas operacións de crédito.

Austeridade

Esta chamada á austeridade ten o seu reflexo no informe anual sobre a débeda viva dos municipios españois. Segundo os datos feitos públicos polo Ministerio de Economía e Facenda, o pasado 31 de decembro os municipios da comarca de Pontevedra sumaban obrigacións coas entidades financeiras por 52,9 millóns de euros. A cifra é sensiblemente inferior á do 2009. Concretamente, recortouse nun 7%.

Só catro dos municipios da contorna de Pontevedra romperon esa tendencia á baixa durante o 2010 incrementando as súas débedas: Poio, que pasou de deber 8,9 millóns a 9,3; Caldas, de 2,6 a 2,7; Bueu, que elevou as súas obrigacións un case inapreciable 0,4%; e Barro, que pasou de deber 653.000 euros a ter débedas por 685.000.

No lado contrario, destaca o caso da Lama, que saldou no 2010 toda a débeda que soportaba o municipio, apenas 132.000 euros, así como Campo Lameiro e Cotobade, que se manteñen sen débedas. Sanxenxo e Moraña tamén lograron altas porcentaxes de recorte de débeda viva: un 12,90% o municipio turístico, que baixou de 13,8 a 12 millóns; e un 11,90% o do interior, ao pasar de 434.000 a 382.000 euros,

En canto a Pontevedra, a débeda recortouse nun 5,7%. Os 22,6 millóns que se debían aos bancos a finais do 2019 quedaron en 21,3 ao peche do último exercicio.

Por habitante

A capital provincial segue saíndo moi ben parada, como en anos anteriores, da análise da débeda en comparación coa poboación de cada municipio: con 260 euros por habitante é unha das cidades españolas con menor débeda.

Neste sentido segue arroxando datos preocupantes Sanxenxo, pois os 686 euros que aínda debe por habitante colócanlle por encima ata da media estatal, que se situou ao termo do 2010 en 613 euros.

Deixar un comentario