Veciños de Barro dan unha tregua á promotora e retiran as pancartas

Os propietarios do edificio de protección autonómica Adelfa de San Antoniño, en Barro, decidiron dar unha tregua á promotora, Vivendas Caselas, e por iso retiraron da fachada as pancartas reivindicativas que colgaban desde principios de maio.

Así o explicou onte o presidente da comunidade de veciños, Elías Simón. «Pedíunolo a promotora e nun xesto de boa vontade decidimos quitar as pancantas ata este xoves. Dixéronnos que están a tratar de solucionar o problema, se non é así as volveremos a colocar».

O conflito que viven os propietarios remóntase ao pasado novembro, cando se trasladaron ao novo edificio para vivir. A pesar de que o Concello de Barro deu ao promotor licenza de primeira ocupación, os veciños atopáronse con que había luz de obra e non se instalou un centro de transformación. Vivendas Caselas, que atravesa por problemas económicos, ten sen vender trece pisos e sen construír outros tres edificios da promoción Adelfa.

Nas pancartas, visibles desde a estrada N-550, podíanse ler lemas como «Vivendas de protección que non cumpren as condicións», «Solución ¡Xa!» ou «Licenza de 1ª ocupación sen centro de transformación».

Deixar un comentario