Pontevedra é o municipio da provincia cuxos fogares dispoñen dunha maior renda por habitante segundo os últimos
datos feitos públicos o pasado venres polo Instituto Galego de Estatística.
Os datos sinalan que a capital da provincia dispón dunha renda bruta por habitante de 16.776 euros, que é de 19.734 euros no caso da poboación maior de 16 anos, en idade de traballar ou xa xubilada. Estas cifras sitúan aos pontevedreses uns 3.000 euros por encima da media galega e provincial e destacan que o crecemento da renda da que gozan os residentes no municipio creceu a un ritmo de 6,5% anualmente entre os anos 2000 e 2008 que é aos que fai referencia o estudo. Unhas cifras que suporían un incremento duns mil euros anuais.
Os pontevedreses situaríanse así nun lugar de privilexio tan só superados por media ducia de concellos “ricos” de Galicia. Na cima do ranking situaríase o municipio de Oleiros, con 22.902 euros por habitante maior de 16 anos ao ano, seguido de Santiago de Compostela (con 21.314 euros), A Coruña (20.699 euros), Teo (21.320 euros), Lugo (20.252 euros) e Ourense (con 19.905 euros).
Na provincia de Pontevedra, tan só A Illa, con 19.723 euros anuais, achégase aos niveis de renda de gózaos a capital. Na provincia, as outras grandes poboacións como Vigo (con 18.467 euros) ou Vilagarcía (con 16.079) están tamén por baixo e en canto ás grandes cidades galegas está por baixo das xa citadas de Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense.
A cifra tamén supón que os pontevedreses dispoñen duns 3.300 euros máis ao ano que o resto dos veciños da provincia e 1.800 que a media da comarca.
De feito, estes datos indican que as rendas máis altas da comarca concéntranse na capital xa que tan só outros dous concellos da súa área de influencia contan con datos superiores á media provincial e galega. Trátase dos municipios de Poio e Sanxenxo. Cruzando a ponte da Barca atopariámonos/atopariámosnos co segundo concello onde a renda que se percibe por habitante é máis alta, de 18.333 euros por persoa ao ano (sempre no caso de maiores de 16 anos). Séguelle Sanxenxo con 17.810, uns mil euros máis que a media galega.
En relación aos ingresos que entran nos fogares da comarca os municipios con maiores rendas serían, por esta orde, Vilaboa (con 15.541 euros anuais), Caldas de Reis (con 14.891), Marín ( con 14.345 euros), Barro (con 13.782), Cuntis (con 13.781), Moraña (con 13.086 euros), Portas (con 12.809 euros), Campo Lameiro (con 11.647 euros), Cotobade (con 11.636 euros) e Ponte Caldelas (con 10.636).
A Lama, o menos “rico”
A Lama sería o municipio onde os ingresos por habitantes serían menores, xa que os habitantes maiores de 16 anos recibirían unha media de 8.376 euros anuais para subsistir. Tendo en conta a media por habitante total (é dicir, incluídos nenos e mozos menores de 16 anos), cada veciño da Lama disporía anualmente dunha renda tan só 7.599 euros, é dicir, xusto a metade da media da provincia e da media galega. A suma de todos os concellos indicaría que cada habitante en idade de traballar ingresaría ao ano nos 14 concellos uns 14.000 euros.
Segundo o estudo do IGE, tanto Ponte Caldelas como A Lama son dous do nove concellos pontevedreses e dos 20 galegos cuxa renda por habitante non chega aos dous terzos da media galega. De feito, a maioría destes concellos concéntranse no rural pontevedrés e ourensán e tan só tres na Coruña e en Lugo.
Ademais de ter as rendas máis baixas, os concellos do interior da comarca contan tamén cun crecemento interanual menor das rendas que perciben os seus veciños. Así, en Campo Lameiro os ingresos creceron un 4,9% cada ano entre 2000 e 2008; mentres que na Lama incrementáronse nun 5% e en Cotobade un 5,8%. Todos eles moi por baixo da media galega que se situou nun 6,5%.
Por contra, os concellos do litoral foron os que viron como aumentaba en maior medida as rendas que perciben os seus veciños, sendo o maior crecemento o que se rexistrou en Poio, cun 8,6%, e en Sanxenxo, cun 8,5%. Vilaboa cun 7,3% e a cabeceira do Umia, Caldas, cun 7,5% son outros dos municipios que mostraron un bo comportamento.
En Pontevedra, o incremento de renda por habitante prodúcese ademais tendo en conta que neste período contou cun incremento da súa poboación, mentres que a cruz da moeda é A Lama, onde se perderon habitantes.