O PSdeG-PSOE teme que as Administracións promotoras de Barro-Meis teñan
que terminar pagando indemnizacións ás empresas asentadas no polígono, despois
de que o Tribunal Superior anulase o plan de sectorización. Sete deputados autonómicos socialistas, entre eles, o pontevedrés Guillermo Meijón, promoveron xa unha iniciativa parlamentaria para saber cal sería o custo da indemnización ás empresas que compraron parcelas
se se executa a anulación.
Datos do organismo provincial indican que, ata agora, 16 empresas adquiriron 27 parcelas en Barro-Meis, cunha porcentaxe de ocupación que rolda o 45%. Un concurso para vender outras 49 parcelas na zona de Outeda-Curro foi freado a finais de abril tras coñecerse a sentenza do Tribunal Superior.
A Deputación anunciou xa que haberá recurso ante o Tribunal Supremo contra a sentenza que tombou o plan de sectorización e non descarta que, en paralelo, o Concello de Barro volva tramitar este plan coa previsión dos servizos que serviron de base á anulación.
A iniciativa dos deputados socialistas pretende igualmente que o Goberno galego aclare o custo que representaría para a Deputación a dotación dos servizos que faltan e que Administración está a asumir o importe da conexión viaria do polígono.
Ademais, pretenden que a Xunta aclare se é posible reconducir a situación «dentro dá legalidade». Distintas fontes sinalaron a comezos de maio que a Xunta estaría disposta a tramitar un plan sectorial para salvar o polígono, aínda que esta opción non parece ser do agrado dos xuíces por entender que se trata dunha vía para evitar cumprir as súas sentenzas.
O conselleiro de Industria, Javier Guerra, deu o seu apoio ao polígono en Pontevedra e sinalou que as tramitacións de asentamentos industriais simplificaranse coa nova lei de promoción industrial para os proxectos que sexan declarados de especial relevancia.