A familia Soto-Outón aínda recorda o Nadal do 2008. Un mes antes tiveran que
desaloxar a súa vivenda da Portela, no municipio de Barro, ao verse afectada polas obras do tramo Cerponzóns-Portela do Eixo Atlántico de Alta Velocidade. O seu caso saltou aos medios porque se negaban a abandonar a casa mentres o Goberno central non abonase toda a indemnización, que era de 190.000 euros.
Tras cobrar o diñeiro pendente días despois, a familia repúxose do mal grolo e empezou unha nova vida no lugar de Lourido, na parroquia de Perdecanai. Pese ao tempo transcorrido desde a expropiación -15 de novembro do 2007-, o Ministerio de Fomento aínda non saldou as contas con esta familia, á que debe uns 1.200 euros en concepto de intereses de demora.
O pasado 29 de marzo, un representante de Fomento envioulle unha carta na que garantía o pagamento nun mes. «[…] o expediente de tramitación do orzamento de gasto dos devanditos intereses está a se realizar e en breve, antes dun mes, seranlles abonados», di textualmente a misiva. Dous meses despois, Isabel Outón segue esperando. «Dinme que vou cobrar e que o ministerio sempre paga, pero isto parece unha broma».