Unha comarca con alcaldes “clásicos”

Nada de vuelcos electorais. Os veciños de varios municipios da comarca de Pontevedra parecen estar encantados cos seus experimentados alcaldes. Rexedores que en casos como o de Xullo Sayáns, están preto de cumprir tres decenios no poder. Os tamén conservadores Roberto Vázquez ou José Antonio Landín séguenlle na lista de edís con traxectoria máis dilatada. Mentres, o adeus de José Eiras como mandatario socialista de Moraña converte a Luciano Sobral no edil de esquerdas con máis anos de xestión ás súas costas. Se nada o impide, en 2015 chegará á vintena.

 MARCOS QUINTAS – PONTEVEDRA Un mapa político inalterado desde fai lustros. Os veciños de varios municipios da comarca volveron a apostar polos seus veteranos rexedores. Alcaldes que, nalgúns casos, gobernan desde a década dos anos 80. Xullo Sayáns, tras 28 anos no poder, está a piques de iniciar o seu oitavo mandato en Campo Lameiro. Pero outros compañeiros seus do Partido Popular tamén se converteron en auténticos “clásicos”. Roberto Vázquez, en Portas, e José Landín, en Barro, estarán á fronte dos seus municipios un mandato máis e serán investidos como rexedores por sexta e sétima ocasión, respectivamente.

Sayáns será a partir de xuño, cando se pon en marcha as novas corporacións, como o mandatario local con máis experiencia da comarca. Ata agora compartía esa condición con José Eiras, pero o socialista anunciou a súa retirada antes dos comicios e agora afronta, como alcalde en funcións, os seus últimos días á fronte do Concello de Moraña.

Sentenzas

A ampla maioría absoluta que reeditou Sayáns en Campo Lameiro tamén se volveu a repetir en Portas. O edil conservador completou dous decenios de mandato, vivindo un dos momentos máis delicados neste último mandato. En 2010 tivo que recorrer unha sentenza na que se lle inhabilitaba un ano por contratar ás súas propias empresas desde o Concello. Logo absolvéuselle. A pesar dese episodio, Roberto Vázquez non viu minguado o número de edís.
José Antonio Landín sería, de non ser precisamente por problemas coa Xustiza, o que seguiría a Sayáns como rexedor con máis anos no cargo dentro da comarca. Foi elixido por primeira vez en 1983, pero unha sentenza por prevaricación impediulle dirixir o municipio de maneira ininterrompida. A súa muller María Teresa Roig ocupou o posto durante ese período e como é habitual falábase do poder na sombra que exercía o ex rexedor.

O tres máis veteranos

Estes son o tres alcaldes, reelixidos o pasado domingo, que máis anos de xestión acumulan ás súas costas. Pero na contorna da cidade do Lérez hai máis exemplos de dilatadas traxectorias. Jorge Canda, na Lama, acaba de cumprir os seus primeiros 16 anos e, se nada llo impide, alcanzará os 20. Iso si, despois de cambiar de siglas: empezou como rexedor do PSOE e agora acaba de lograr un novo triunfo como imaxe do Partido Popular.
Nos seus comezos políticos tamén pasou polo CDS de Adolfo Suárez. Ese cambio de ideoloxía non parece xerar ningún tipo de dúbida entre a poboación da Lama, onde conseguiu case o 60% dos votos o 22-M e por conseguinte cabe pensar que á poboación deste municipio pouco impórtalle o partido, se non o home, o candidato.

Alcalde progresista

Pola súa banda, o nacionalista Luciano Sobral está a piques de converterse, cando Eiras deixe o seu posto á fronte do Concello de Moraña, no alcalde progresista que máis veces gañou nesta zona central da provincia. Sobral iniciará o seu quinto mandato. Farao despois de aumentar representación con respecto a 2007 e quedar ás portas da maioría absoluta. Ao longo desta semana apuntou que será a militancia e os veciños os que decidan se pode haber ou non un sexto. Parece renacer tras os seus tropezóns nos pasados comicios

Saga en Ponte Caldelas

Outro que vai camiño de converterse nun dos alcaldes incombustibles é Perfecto Rodríguez. Aos seus 42 anos prepárase para iniciar o terceiro mandato como dirixente de Ponte Caldelas. A súa política durante o último cuadrienio viuse reforzada ao incrementar nun concelleiro a representación do Partido Popular.
Os conservadores lograron nove edís, máis do dobre que PSOE e BNG xuntos (dous cada un). Así referenda a histórica preferencia dos habitantes deste municipio por un programa do Partido Popular.
Neste caso a traxectoria da formación “popular” vén desde o inicio da democracia. O seu pai, Fidel, gobernou o concello desde as primeiras eleccións democráticas ata 2002, cando nomeou ao seu fillo como candidato.
Todas esta vitoria deste seis alcaldes incombustibles fan que os seus opositores, nalgún casos, teñan que pór fin ás súas carreiras políticas antes de tempo. O exemplo actual pódeo marcar o líder local do PP de Poio, Javier Domínguez que pasou de gañar as votacións, aínda que non gobernou, no anterior mandato a quedar a un concelleiro do BNG. Por contra, socialistas e nacionalista fincan o xeonllo ante os seus adversarios clásicos no interior da comarca pontevedresa.

Deixar un comentario