Os conflitos veciñais derivados de infraestruturas viarias como a reforma da estrada de Vilagarcía, a PO-531, en Curro ,
ou o trazado do AVE por Porráns marcaron o mandato que está a piques de culminar en Barro. O triunfo do PP na Xunta permitiu ao alcalde, o popular José Antonio Landín, retomar o proxecto de mellora do parque da Barosa, actualmente en execución e no que se introduciron cambios substanciais respecto ao paralizado polo bipartito.
Landín Eirín é, con Julio Sayáns, dos rexedores da comarca de Pontevedra máis veteranos no cargo. Este médico de profesión goberna con maioría absoluta e hai catro anos logrou case o 60% do apoio dos electores de Barro.
O rexedor volve repetir como candidato e enfronte terá ao nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes e ao socialista José Sanmartín, que se estrea nestas lidees buscando maior tirón para o seu partido. A oposición recrimina ao equipo de goberno que encabeza Landín Eirín a súa falta de liderado para xestionar servizos básicos e evitar a perda de poboación neste municipio ben comunicado e situado a dez minutos da capital da provincia. Tamén critican a súa «falta de diálogo» con algúns colectivos e a súa «escasa sensibilidade» cara ás demandas da asociación de pais de alumnos (ANPA) do colexio Amor Ruibal.
PP
1.387 votos e sete concelleiros 59,76%
BNG
628 votos e tres concelleiros 27,06%
PSdeG-PSOE
288 votos e un concelleiro 12,41%