B. MÁRQUEZ – PONTEVEDRA A roda xudicial xa está en marcha.
O Concello de Barro, co asesoramento e o aval da Deputación de Pontevedra, formalizou ante o TSXG o preceptivo escrito de preparación dun recurso de casación contra a sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o plan de sectorización do chan urbanizable de Outeda- Curro, deixando sen cobertura legal o polígono empresarial de Barro.
Desvelouno onte o presidente provincial, Rafael Louzán, quen sinalou que paralelamente “está a traballarse (o Concello) nun novo plan de sectorización” co fin de apurar a “legalización” do parque industrial posto en dúbida pola Xustiza a instancias da demanda presentade, no ano 2006, por 96 veciños dos lugares de Outeda e Fonte do Curro. O seu obxectivo era vetar a posible instalación de industrias de categoría 4 (nocivas e perigosas) preto das súas vivendas, unha posibilidade que contempla o plan de sectorización agora anulado.
Previamente 128 afectados presentaran alegacións ao proxecto municipal de urbanización sen resposta.
A Sala do Contencioso do Tribunal de Xustiza de Galicia ignorou esta cuestión á hora de ditar sentenza e declarou a nulidade do plan se sectorización do chan industrial de Curro-Varro por “non existir unha rede de saneamento na contorna do ámbito do polígono” e porque “o sistema de abastecemento de auga ao conxunto do termo municipal é insuficiente” para fornecer as necesidades derivadas dun parque empresarial.
O escrito de presentación do recurso de casación presentado polo Concello de Barro é un documento de “42 folios” que expón que “os vicios formais” que sustentan o fallo xudicial “están emendados ou en fase de corrección” explicaba onte o presidente provincial para, despois expresar o seu convencemento de que o TSXG dará curso á tramitación da casación ante o Supremo.
Louzán Abal que xustificou o seu protagonismo no contencioso xudicial do polígono de Barro, no que a Deputación non é parte procesual, polo feito de que a institución provincial, a través do Ipespo, é a principal promotora do polígono de Barro-Meis, do que a parte impugnada é unha parte.
O presidente da Deputación reiteraba onte que esta área empresarial “será o pulmón industrial da comarca” a medio prazo, unha vez que supere os actuais “contratempos” xudiciais.
O chan industrial de Barro está nunha localización estratéxica, destaca Rafael Louzán, xa que “conforma un triángulo perfecto con Pontevedra, O Salnés e Umia”.
Sairá adiante
O presidente provincial animou onte aos empresarios a apostar prol Barro e lembrou que a sentenza do TSXG “non é firme” e ademais é “perfectamente subsanable”. Neste sentido Louzán indicou que “o Concello de Barro seguirá dando licenzas para o polígono e a actividade empresarial que está en marcha manterase”.