O Concello cre que o plan sectorial do novo hospital de Monte Carrasco pode terminar como o polígono industrial de
Barro-Meis, é dicir, suxeito aos avatares dun recurso xudicial que expoña algún colectivo ou entidade.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, indicou onte a preguntas dos informadores que «facilmente» pode esperarse esta posibilidade (recordou que algo similar xa prosperou na Plisan de Salvaterra), pero descartou que o goberno local vaia promovelo por agora. «Imos ser extraordinariamente prudentes» e esperar que os argumentos «fagan recapacitar» a Sanidade, indicou tras subliñar que, por agora, só recorreran o plan sectorial de Ence.
Ao fondo desta actitude está o temor a que se cren situacións de provisionalidade que terminen por afectar ao desenvolvemento da cidade. «Nos papeis hai dous hospitais únicos en Pontevedra», recordou tras subliñar que o plan sectorial de Montecelo para crear outro hospital único non fora derrogado.
O goberno local cualificou onte de «inviable» o proxecto de Monte Carrasco, unha vez que a Xunta enviou a documentación completa ao Concello como se lle esixiu, especialmente no apartado ambiental.
Tres informes
Esta conclusión «clara e contundente» obedece, segundo explicou Mosquera, ás conclusións dos informes emitidos polos servizos de arquitectura, enxeñería e medio ambiente.
Desde a rúa Michelena recordouse que o terreo elixido para o novo hospital ten protección forestal, paisaxística e arqueolóxica e que está nas proximidades da ermida de San Cibrán.
Ademais, hai problemas de cotas e accesos que se suman «ás 11 plantas» do edificio. As conclusións do informe pasarán en breve a debate en comisión.