O problema das distancias mínimas que deben gardar as industrias máis molestas ata as casas non foi tido en conta pola
sentenza que anula a sectorización de Barro-Meis. Este asunto fora exposto no recurso veciñal con motivo de anulación deste plan, pero o TSXG negouse a tombalo por esta cuestión e só o fixo pola carencia de servizos de auga e rede de sumidoiros.
Os veciños alegaran que o plan de sectorización non respectaba a esixencia de afastamento de 2.000 metros respecto das vivendas de Outeda e Fonte do Curro na zona sur do polígono para as industrias máis molestas, incluídas nas categorías 2 e 4 do PXOM de Barro.
A sentenza, con todo, chega á conclusión que a sectorización non debía fixar estas distancias posto que tampouco estaban no plan de ordenación do municipio. Isto non impide que as industrias que no futuro se poidan instalar en Barro-Meis non deban respectar as distancias regulamentarias -as establecidas na o normativa xeral- en atención ás circunstancias singulares que lles sexan de aplicación, apunta o tribunal ao desestimar a anulación por este motivo
O plan de Barro establece catro categorías de actividades industriais a desenvolver no termo municipal. As dúas primeiras son aquelas que non producen prexuízos a ningún tipo de vivenda ou función residencial, fundamentalmente as industrias artesás.
A terceira engloba polígonos que, pola súa envergadura e efectos, teñan que ser localizados en áreas cuxo uso principal sexa o industrial e a cuarta as industrias de carácter especial. Os veciños esixiran distancias despois de que se barallase a posible presenza en Barro-Meis de industrias contaminantes ou molestas.