O BNG solicita a Rafael Louzán que non deixe en mans do alcalde Landín a procura dunha solución.
O futuro do polígono industrial de Barro-Meis e o destino dado por Rafael Louzán aos 14 millóns de euros de libre
disposición que ten a cargo da partida do plan provincial anticrise centraron onte o debate do que foi o último pleno da actual Corporación da Deputación de Pontevedra. Ambas as cuestións suscitaron agres debates capitalizados polo presidente da institución, o popular Rafael Louzán, e o portavoz nacionalista, César Mosquera, no primeiro caso, e por Louzán e o portavoz
socialista, Juan Muradas, no segundo.
A Corporación en pleno, deixando a crítica política ao carón, decidiu unirse para tratar de buscar unha saída “o máis rápida posible” á situación creada pola sentenza non firme da Sección Segunda da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula o plan de sectorización do chan urbanizable industrial Outeda-Curro e en consecuencia deixa fóra da lei o polígono e no aire unha vintena de proxectos empresariais.
O presidente da Deputación reiterou ante o pleno que a situación é “subsanable” porque as deficiencias que avalan o fallo xudicial (falta de rede de saneamento, de depuración e insuficiente abastecemento de auga) “están corrixidas ou en fase de facerse” e que só hai que articular a fórmula “máis rápida” para saír do actual impasse legal. De feito, a asesoría xurídica da Deputación, xunto co Concello de Barro (parte demandada no contencioso promovido por 96 veciños no ano 2006), barallan ata catro alternativas.
O futuro do cuestionado polígono de Barro-Meis preocupa, e moito, ao portavoz provincial do BNG. César Mosquera, que pediu expresamente a Rafael Louzán que “apartase” da primeira liña de toma de posesións ao alcalde de Barro, José Antonio Landín Eirín, que ten no seu haber “a anulación dos dous polígonos industriais que promoveu: o de Curro e o privado da ITV”.
“Se quere colaboración, teraa toda e se non encoméndese ao alcalde de Barro, alá vostede” concluíu César Mosquera.
O presidente da Deputación de Pontevedra agradeceu “a dispoñibilidade” do BNG para sacar adiante o polígono de Barro, un proxecto que, aínda que descualificado polo TSXG, “non prexudica a ninguén”. Para Louzán “gañan todos” porque se pagaron expropiacións xenerosas, crearanse centos de empregos e xerarase riqueza.