POSICIÓN DO BNG ANTE A SENTENZA QUE ANULA A TRAMITACIÓN DO POLÍGONO DE OUTEDA CURRO

Barro, 28 de abril de 2011. Para o BNG de Barro a sentenza sobre o polígono de Outeda é unha mala noticia, pero non é a primeira.

Non é a primeira porque se vén sumar á sentenza do mesmo tribunal de maio de 2010 no que anulaba non só a tramitación do polígono de Sequeiros, senón tamén a anulación do PXOM no referido a ese solo industrial.

Agora ben, esas malas noticias tampouco nos collen de sorpresa. As advertencias que fixemos sobre os problemas das tramitacións levadas a cabo polo concello de Barro foron avisados con tempo de abondo para os solucionar.

No caso do polígono de Outeda, o BNG votou a favor da aprobación inicial en xullo de 2004, e tamén votamos a favor da aprobación provisional en maio de 2006, pedindo que se limitase o uso do mesmo a industrias non molestas nin contaminantes.

Posteriormente, a Xunta de Galiza emitíu un informe favorábel coa condición de que se solucionase a carenza de servizos de auga potábel e saneamento.

En agosto de 2006 apresentouse no pleno o proxecto de aprobación definitiva sen resolver as condicións da Xunta, polo que o BNG se abstivo, advertindo que non queriamos ser cómplices dunha tramitación incorrecta.

Agora chéganos as consecuencias dese xeito de actuar ao que nos ten afeitos o PP. De buscar atallos, de tramitacións atropeladas, de chapuzas en definitiva, que poden supoñer un grave perxuizo tanto para os veciños e veciñas como para as arcas municipais.

Pero cando chegan estas sentenzas a culpa seica non é nunca do goberno municipal. Debe ser culpa de forzas escuras que conspiran contra eles.

No caso da sentenza de Sequeiros, da empresa que xestiona a ITV, que foi quen apresentou o contencioso. Neste caso da sentenza de Outeda, dos noventa e seis veciños e o seu avogado que, acolléndose ao seu dereito de defender o que consideran xusto, apresentaron o recurso.

Pois non, a culpa sempre é de quen fai mal as cousas. Nestes dous casos debido a unha incorrecta tramitación por parte do goberno municipal, a pesar de ser advertido de xeito reiterado da necesidade de corrixir os proxectos.

O BNG sempre advertíu dos problemas da tramitación e nunca puxo ningún obstáculo a nada. É a incompetencia do PP a que nos leva a esta situación.

Hai unha pregunta chave que está sen resposta: por que se aprobou un plan de sectorización sen os servizos que esixía a Xunta?

É un disparate argumental que quen fixo algo mal, en vez de recoñecelo, bote balóns fóra, acusando a outros para evitar as súa responsabilidade.

Chegados a esta situación, o BNG solicitou unha reunión dos voceiros dos grupos municipais para analisar os pasos a dar.

O BNG, como sempre, oferécese a colaborar na busca dunha solución que palíe as consecuencias desta sentenza, e que as decisións que se tomen sexan as correctas para evitar danos maiores no futuro.

Como estamos a punto de renovar os gobernos municipais, eu comprométome a que a primeira medida que tomarei como alcalde se os veciños e veciñas me dan a súa confianza será convocar a todos os grupos políticos e colectivos sociais do Concello para acadarmos un acordo social na busca de dar unha solución definitiva a todos os problemas legais dos diferentes solos industriais.

Asdo. Xosé Manuel Fernández Abraldes,

Portavoz do Grupo Municipal do BNG  de Barro


Deixar un comentario