A Sección Segunda da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou o acordo plenario do Concello de Barro polo que se que aprobou o plan de sectorialización para a área industrial Outeda-Curro-Varro no 2006.
Na súa argumentación, o TSXG, que dá a razón aos 96 veciños quepresentaron a demanda, incide en que o primeiro motivo de nulidade que se expón refírese ás distancias que deben gardar as instalacións industriais, dado que ”non se respecta a distancia mínima de 2.000 metros entre os núcleos de poboación de Outeda e Fonte do Curro e a zona sur do polígono”. Así mesmo, o segundo motivo é ”que non queda garantido o abastecemento de auga potable e o saneamento das residuais”.
A defensa do Concello de Barro achegou numerosos documentos sobre as actuacións que conxuntamente a Deputación de Pontevedra e Augas de Galicia están a acometer para dotar de saneamento ao polígono industrial. Con todo, o TSXG entende que ”non cabe sanar a posteriori os vicios que presentan os feitos impugnados”.
Con esta sentenza, contra a que cabe recurso ante o Tribunal Supremo, a área implicada pasará a ser novamente de uso rústico de protección forestal.
ANÁLISIS DO BNG
O portavoz do Grupo local do BNG, César Mosquera, sinalou que esta sentenza é ”unha moi mala noticia”, xa que, ”se se confirma no Supremo”, haberá ”moitos actos que darán lugar a millonarias indemnizacións”.
Así, para Mosquera, aínda que se recorra a sentenza do TSXG, ábrese un período de tempo ”moi complicado e de gran incerteza legal para as firmas radicadas no polígono e aquelas outras que se queiran instalar neste enclave industrial”.
ANÁLISIS DO PP de Barro
O alcalde de Barro, José Landín Eirín, estudaba onte cos asesores xurídicos a posibilidade de presentar un recurso contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anula o parque empresarial de Barro-Meis. Aprazaba o anuncio da decisión que tomará o Concello a unha comparecencia pública que realizará hoxe na Deputación Provincial, aínda que xa avanzaba que ao Concello “non quedan moitas máis saídas que recorrer”.
Á marxe da valoración política da situación, o alcalde de Barro explicou que, no persoal, a sentenza xéralle “unha gran pena”, polo traballo desenvolvido durante os últimos anos desde o Concello para levar este proxecto adiante. “Este polígono é moi importante para o Concello de Barro, para todos os veciños da comarca de Pontevedra e para as Rías Baixas en xeral”, argumentou o rexedor popular.

