A Deputación rexeitou a oferta de Pontevedra para asesorarlle

¿Pecou de suficiencia o organismo provincial? É a pregunta que queda no aire despois de que onte o deputado César Mosquera recordase que a Deputación rexeitou unha oferta do Concello de Pontevedra de pór os seus técnicos en urbanismo a traballar para asesorarlle na tramitación de Barro-Meis. Mosquera recordou onte que os técnicos municipais teñen ampla experiencia neste tipo de tramitacións e que o seu labor dos últimos anos librou ao municipio de verse envolvido en grandes conflitos urbanísticos.

A mesma sorte correu outra oferta similar para facer unha depuradora xunto ao Pontillón de Castro que abastecese de auga tanto a Barro-Meis como a Fragamoreira en Poio. O non da Deputación fixo que esta opción fose finalmente excluída do plan para o novo abastecemento aos municipios da ría, recentemente asinado con Acuanorte polos municipios de Pontevedra, Poio e Sanxenxo. Non foron os únicos rexeitamentos. O organismo provincial tampouco aceptou a axuda ofrecida pola conselleira Teresa Táboas na etapa do bipartito para colaborar en Barro-Meis.

 Afecta a Barro

Onte, o ente provincial saíu ao paso do sucedido indicando que non era parte procesual e que o fallo afecta a unha decisión do Concello de Barro. O Alcalde, José Antonio Landín Eirín, ten previsto comparecer hoxe na Deputación para dar a súa versión do sucedido. Desde o ente provincial sublíñase igualmente que xa hai solución para a auga e o saneamento.

A oferta de levar a auga desde O Pontillón segue estando, no entanto, sobre a mesa. Desde o Concello de Pontevedra crese que a Deputación aínda non ten resolto o problema na súa integridade.

Deixar un comentario